Orozco considera que a apertura do sumario deixou “claro” que non recibiu subornos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
E.P.

O alcalde de Lugo, o socialista Xosé López Orozco, confesouse “satisfeito” coa parte do sumario da Operación Pokémon que xa transcendeu porque sostén que deixou “claro” que el non recibiu “ningún diñeiro” procedente de subornos a cambio de adxudicacións de servizos municipais.

“Vese claro que eu non recibín ningún sobre, nin ningún diñeiro como manifestei tantas veces. Iso satisfaime porque o que aparece no sumario é idéntico ao que veño manifestando durante tanto tempo, que nunca recibín nada en sobres, en diñeiro nin por persoa interposta nin por parte de ningunha empresa”, aseverou en declaracións a Radio Lugo.

Orozco puntualiza que extrae esta conclusión a xulgar polo que publican os medios de comunicación, porque el non ten tempo para ler o sumario. “Parece que cousas que se dicían de min agora están a desaparecer”, afirma.

Acerca de que na súa declaración ante a xuíza Pilar de Lara deixe entrever que este sería o seu “último mandato”, remite calquera avaliación a cando se celebren as eleccións europeas do mes de maio. “É o momento de falar diso das eleccións europeas, xa falaremos por extenso unha vez que acaben as europeas”, elude.

O alcalde de Lugo ratificou que o vindeiro luns manterá a súa habitual comparecencia ante os medios de comunicación. “Como non teño nada que esconder hai que comparecer ante os medios porque é unha forma de comparecencia ante os cidadáns”, conclúe.

14 de febreiro de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.