Oroso investirá 100.000 euros na construción do punto de reciclaxe “Oroso Verde”
O Concello de Oroso vai investir un total de 101.049 euros na construción do punto de reciclaxe “Oroso Verde”, que estará situado nunha parcela de 2.200 metros cadrados no polígono industrial Oroso Pequeno (Sigüeiro). Este é un dos investimentos recollidos nos Orzamentos Municipais do Concello de Oroso para o ano 2014, que superan os 5,18 millóns de euros e que supoñen un incremento do 6,33% con respecto ao exercicio anterior. Uns orzamentos que serán aprobados inicialmente na sesión plenaria extraordinaria do vindeiro luns 17 de febreiro, ás 9:30 horas.
O punto de reciclaxe “Oroso Verde” contará cunha nave de 500 m2 para a separación para a súa posterior reciclaxe de diferentes tipos de refugallos tóxico: pilas, disolventes, electrodomésticos, aerosois, baterías, produtos de informática…. Canda esta nave haberá tamén contenedores para a separación de residuos: papel, vidro, envases e téxtil. Así mesmo, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “habilitaremos tamén un lugar especial para a recollida de plásticos agrícolas e outra para a recollida de pequenos restos de obra, que será de uso exclusivo para particulares”.
Compostaxe
O punto de reciclaxe “Oroso Verde” construirase de xeito modular, o que permitirá futuras ampliacións no caso de que fose preciso. De feito, Manuel Mirás adianta que “a medio prazo estamos estudando poder instalar neste punto de reciclaxe unha planta de compostaxe industrial para materia orgánica”.
O Concello de Oroso tomou a decisión de acometer en solitario a construción deste punto de reciclaxe para poder prestar estes servizos aos seus veciños e veciñas nas mellores condicións posibles. Un servizo que xa leva anos prestando de xeito provisional e sen ningún tipo de axuda procedente doutras Administracións nunha parcela habilitada polo propio Concello a carón do parque do Río Carboeiro. Un lugar no que os veciños poden depositar residuos metálicos (electrodomésticos, chatarra, residuos metálicos do fogar…) e asimilables (madeira, plásticos, colchóns e somieres, así como escombros de obras menores particulares) todos os venres (de 12:30 a 14:00 horas) e sábados (de 12:00 a 13:30 horas). A maiores, o Concello de Oroso ofrece tamén a recollida de aparellos domésticos os primeiros sábados de cada mes.











