Oroso inicia as obras de mellora do local social do Cachopal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora do local social do Cachopal, na parroquia dos Ánxeles, que se centran especialmente na rehabilitación do segundo piso do inmoble. Empregados municipais están nestes intres traballando na recuperación do teito e das paredes do inmoble, tras ter retirado xa a antiga cociña. Despois procederán ao seu pintado e á colocación dun novo chan, que substituirá ao deteriorado terrazo actual.

O concelleiro de Relacións Veciñais, Luís Rey Villaverde, espera que os traballos “poidan estar rematados antes de finais deste mes de febreiro” e confirma que “finalmente imos colocarlle tamén fiestras novas en aluminio”. Deste xeito, o Concello de Oroso continúa coa súa aposta por mellorar os locais sociais das distintas parroquias do municipio. As últimas actuacións foron a rehabilitación interior da antiga escola unitaria da parroquia de Oroso e do centro cívico de Pasarelos, realizados ao longo de 2013 e onde se fixeron reformas moi semellantes ás que agora se están a levar a cabo no Cachopal.

7 de febreiro de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.