O xulgado pide á alcaldía de Oia información sobre o derrubamento do hotel Talaso Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOia
A-
A+
E.P.

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra emitiu unha providencia na que se insta á alcaldía de Oia (Pontevedra) a “indicar en qué estado atopa” a execución da sentenza que obriga á demolición do hotel Talaso Atlántico.

En 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou as licenzas outorgadas a este establecemento, construído en solo rústico, no litoral de Oia, e os intentos posteriores, tanto da empresa coma do propio Concello, para evitar o derrubamento, foron rexeitados polos tribunais.

En abril de 2013, o xulgado contencioso administrativo de Pontevedra fixaba como prazo finais dese ano para executar a sentenza de demolición, e advertía de que, en caso de non se cumprir o mandato xudicial, se interporían multas coercitivas de 1.500 euros ou de “contía superior”, con apercibimento persoal de alcalde, Alejandro Rodríguez.

En novembro dese ano, mediante un decreto da Alcaldía, resolvíase ordenar o derrubamento desa edificación. Non obstante, nos informes dos servizos xurídicos municipais, alégase que (en contra do que sostén a xuíza) a administración que debe executar a demolición é a Xunta de Galicia, ao ser competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

A providencia emitida polo xulgado a principios de febreiro deste ano require “persoalmente” á alcaldía de Oia, á que dá un prazo de 10 días, para que informe sobre o proceso de execución do derrubamento, baixo apercibimento de que, se non o verifica, se lle imporá unha multa coercitiva de 1.500 euros, “se aínda así segue sin verificar o requirimento, reiteraranse as devanditas multas ata a completa execución do fallo xudicial”, conclúe o escrito da xuíz.

Este escrito foi notificado ás partes o pasado 13 de febreiro, a partir dese momento, empezou a contar o prazo de 10 días para que o alcalde facilite ao xulgado a información requirida.

19 de febreiro de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.