O xornalista Camilo Franco dialoga con visitantes do CGAC para descubrir a recepción da arte contemporánea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

O xornalista e crítico cultural Camilo Franco entrevistará ao longo desta semana os visitantes do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) no proxecto ‘Queres ser arte contemporánea? Diálogos con Camilo Franco’, nun iniciativa que terá lugar entre o próximo mércores, 26 de febreiro, e o sábado, 1 de marzo.

Esta actividade, que se enmarca nos actos do vixésimo aniversario do museo, busca rexistrar cal é o nivel de implicación, atención e interpretación que os espectadores teñen respecto ás obras de arte contemporánea que se exhiben no museo.

 Esta actividade está organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e desenvolverase en encontros duns 15 minutos que tomarán como punto de partida o recibidor do CGAC para centrarse a continuación da mostra ’93’, que ocupa os tres pisos do museo, e no que se exhibe obras que marcaron os últimos 20 anos do centro.

A interacción comezará polas motivacións principais para ir entrando en detalles de interpretación segundo as preferencias do espectador. A cada unha das persoas entrevistadas farase un retrato no espazo que decida e procurando que a imaxe estableza unha relación entre o observador e a obra.

O resultado poderá visitarse diariamente nun blog ao que se accede a través da web do CGAC. As persoas interesadas en participar poderán facelo de forma espontánea ou ben concertando cita a través do correo electrónico: cgac.educacion@xunta.es.

TRAXECTORIA

O xornalista Camilo Franco (Ourense, 1963) desenvolveu varios proxectos culturais, entre os que destacan o seu papel como comisario na mostra colectiva ‘Paralelo 42’ (Casa da Parra, 1989), así como a transformación nunha exposición dos relatos do seu libro ‘Palabras contadas’ (Fundación Luís Seoane, 2007).

Tamén desenvolveu outras iniciativas como os proxectos nos que traballa cos espectadores a través de experiencias como ‘Queres ser un personaxe de novela?’ (Culturgal, 2011) ou ‘Queres ser ou non un personaxe de teatro?’ (Fiot, 2012). Así mesmo, publicou varias obras de narrativa: ‘A lúa no cénit’ (Ediciós do Castro, 1988), ‘En malos pasos’ (Xerais, 1995), ‘Por conto alleo’ (Vieiros, 1999; Galaxia, 2003) e ‘Palabras contadas’ (Xerais, 2007).

26 de febreiro de 2014 | 10:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.