O Xefe Territorial de Educación reuniuse coa comunidade educativa e membros do goberno local do Ceip Alfredo Brañas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
O Xefe Territorial na visita ao Ceip da Laracha

O Xefe Territorial na visita ao Ceip da Laracha

Indalecio Cabana, xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, visitou hoxe as instalacións do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, onde mantivo un encontro coa comunidade educativa e con representantes do goberno local do Concello da Laracha.

O motivo principal do encontro foi interesarse pola situación actual do centro. Indalecio Cabana comprobou como as instalacións se atopan nun excelente estado, polo que felicitou tanto ao alcalde, José Manuel López Varela, como á directora do centro, Agripina Alfeirán.

A comunidade educativa do CEIP Alfredo Brañas aproveitou a ocasión para trasladarlle ao xefe territorial de Educación a proposta de crear no edificio principal do colexio dous novos despachos, o que facilitaría o desenvolvemento das labores administrativas e permitiría dispoñer, ademais, dun maior espazo para impartir, por exemplo, clases de apoio aos alumnos que requiran das mesmas, solicitude que Indalecio Cabana considerou interesante, afirmando que Educación estudará a posibilidade de levala a cabo.

No CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco cursan estudos de educación infantil e primaria un total de 170 nenos. O centro dispón de dous edificios (que albergan as aulas, despachos e a biblioteca), pavillón polideportivo cuberto, patio con xogos infantís e un campo de fútbol de terra que tamén é utilizado como patio descuberto en xornadas nas que as condicións climatolóxicas son favorables.

4 de febreiro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.