O VII Festival ‘Pórtico do Paraíso’ encherá Ourense de concertos con grupos internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de formalizar a súa colaboración co Concello de Ourense no desenvolvemento da VII edición do Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’, que se celebrará en diferentes espazos da cidade das Burgas entre o 13 e o 23 de marzo de 2014. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e mais a concelleira de Educación e Cultura do Concello de Ourense, Ana Mª Garrido Rodríguez, asinaron esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia o convenio polo que se establece esta colaboración, ao abeiro do que se organizarán unha ducia de actividades, das que a gran maioría serán totalmente de balde para os asistentes. A achega da Consellería ascenderá a 8.000 euros.

Este festival, organizado polo Concello a través da Asociación Pórtico Musical, supón unha oportunidade única para a revitalización cultural da capital ourensá, xa que as diferentes actuacións contempladas no seu programa desenvolveranse en diferentes espazos da cidade. Así, celebraranse sete concertos, levando a música á Catedral de San Martiño, ao Teatro Principal, e ás igrexas do Santo Anxo, de Santa María Nai e de Santiago de Caldas. Todos os concertos, agás os dous que se celebren no Principal, serán de entrada libre e gratuíta. Os intérpretes, que se darán a coñecer nunha próxima presentación do programa, procederán tanto do propio panorama musical español como de Estados Unidos, Israel, Palestina, Francia, Lituania e Reino Unido.

O Festival Internacional de Música de Ourense ‘Pórtico do Paraíso’ completarase con actividades paralelas no Liceo de Ourense, no Conservatorio de Música da cidade, no Museo Municipal e no Claustro de San Francisco. En concreto serán exposicións de temática musical, así como encontro de alumnado e profesorado do conservatorio con algún dos intérpretes que ofrezan concertos no marco do festival, e mesmo da proxección dunha película moi relacionada tamén cun dos grupos participantes no programa de concertos. Todas as actividades paralelas serán de balde.

Co impulso deste festival a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procura a ampliación dos circuítos culturais, promovendo a chegada de artistas internacionais a todo o territorio galego, así como unha programación continua tanto en espazos habituais – como pode ser o teatro- como en lugares de gran valor e importancia no Patrimonio galego, como a Catedral de San Martiño.

14 de febreiro de 2014 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.