O venres finaliza a exposición pública do novo documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense
O 8 de novembro do pasado ano, o Pleno do Concello de Ourense acordou a aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordeación Municipal da cidade de Ourense, que actualmente se atopa en período de exposición pública, nas dependencias no Centro Municipal Ánxel Valente, antiga sede do Banco de España, para a consulta de toda a cidadanía, os días laborables de 9.00h a 14.00h e de 16.00h a 20.00h. Así mesmo, en horario de mañá, varios técnicos municipais están a disposición dos veciños e veciñas da cidade para as consultas máis concretas, recibindo, se así o requiren, copia do novo documento no ámbito solicitado, máis unha copia do modelo tipo de alegación para facilitarlles que a poidan formular, se así o considerasen oportuno.
Este venres, 28 de febreiro, remata o prazo para presentar alegacións, de todas aquelas persoas ou colectivos, e poderán ser entregadas no rexistro xeral do Concello de Ourense, ata as 14.00 do mesmo venres, ou por calquera outro medio de rexistro previsto na normativa vixente, coma o correo postal certificado.
Antecedentes e acordos plenarios sobre o novo documento do Plan Xeral
Dende o ano 2008, o Concello de Ourense, e o Goberno Municipal, está a traballar, ante a posibilidade de que o Plan Xeral vixente fora anulado polos tribunais, como así aconteceu coas sentenzas de anulación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, confirmada polo Tribunal Supremo, no ano 2012.
Unha vez anulada a ordeación urbanística do Concello de Ourense, o Plan vixente no Concello é o Plan Xeral de 1986, cumprimentado coa Ordeación Provisional aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2011, que conta cunha duración temporal limitada e unha dimensión administrativa condicionada pola aprobación do planeamento definitiivo, o que afecta a equipamentos estratéxicos da cidade coma a ampliación do CHUOU, o Polideportivo de Mariñamansa ou proxectos estratéxicos, coma o desenvolvemento termal o BIC das Burgas ou a entrada na cidade da Alta Velocidade.
Todos os equipamentos e proxectos estratéxicos, esenciais para o desenvolvemento urbano da cidade, están amparados e sostidos pola Ordeación Provisional, pero a súa consolidación, depende directamente da aprobación definitiva das normas de natureza urbanística que aporten á nosa cidade seguridade xurídica e solidez en materia urbanística.
É por isto polo que o Concello de Ourense anticipouse na redacción do novo documento do Plan Xeral de Ordeación Municipal, considerando unha obriga a aprobación definitiva dun Plan Xeral sólido e sostible.
Ampliación de horarios de consulta cos técnicos municipais
O Pleno do Concello de 3 de xaneiro deste ano, acordou ampliación de horarios dos técnicos para que os cidadáns puidesen realizar as súas consultas en horario de tarde, polo que os horarios de acceso ás consultas técnicas son de 9.00h a 14.00h e de 17.00h a 19.00h de luns a venres.
O Pleno do Concello de febreiro acordou que o novo Plan Xeral de Ordeación Municipal incluirá un artigo en virtude do cal en ningún caso quedarán fóra da legalidade as edificacións que obtiveran legalmente a preceptiva licencia urbanística e se executaran de conformidade coa mesma, excluíndose o “Fóra de ordeación”, tal e como se denomina dende outros grupos políticos.
Ambos acordos responderon a demandas de veciños e veciñas da cidade, xa que as consultas ao documento foron constantes, así coma os requerimientos aos técnicos municipais, por parte de persoas particulares e colectivos.
Reunións con colectivos
O Goberno municipal e o equipo redactor do Plan Xeral, realizou, nos meses de xaneiro e febreiro, unha serie de xuntanzas cos colectivos afectados polo cambio de normativa urbanística e os colectivos profesionais: aparelladores, arquitectos, enxeñeiros, colectivos veciñais, culturais, medioambientais e da empresa e construción.











