O Teatro Rosalía Castro presenta ‘Amor Flexible’ de Redrum Teatro
O director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, presentou esta mañá o próximo espectáculo que acollerá o recinto, Amor flexible, da compañía Redrum Teatro, acompañado polo seu director, Alex Sampayo, e dous dos seus actores: Mela Casal e Guillermo Carbajo.
A obra, que se representará na cidade o xoves 27 de febreiro e o venres día 28 ás 20.30 horas, é unha comedia próxima e amable, que profunda nas relacións familiares e de parella utilizando o sete pecados capitais como eixo da súa estrutura. “Amor flexible conta con todos os compoñentes para ser un éxito: unha gran dirección, un elenco de luxo e un espectáculo divertido combinado cunha engrenaxe técnica no que non se deixou escapar ningún detalle, xa sexa a nivel lumínico, musical ou de escenografía”, destacou Rodríguez, quen engadiu: “Ademais, a obra estréase na cidade, no Teatro Rosalía que se converteu nunha das prazas preferidas polas compañías galegas para presentar os seus traballos, algo que está en perfecta sintonía co compromiso da Concellaría de Cultura cos creadores e as compañías da comunidade”.
O proxecto, dirixido por Alex Sampayo, conta na súa repartición coa participación de Mela Casal, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa.
O prezo das entradas para ver a obra, que se programa a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC, oscila entre os 6,50 e os 14,00 euros, con descontos do 20% para os titulares do carné novo, para os maiores de 65 anos e para as persoas desempregadas. Xa se poden adquirir en Servinova, no teléfono 902 504 500; na praza de Ourense, en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; e os días de función no despacho de billetes do propio Teatro Rosalía, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.
Xosé Paulo Rodríguez lembrou a gran tempada que está a vivir o Teatro Rosalía Castro que conta, no seu Ciclo Principal, con case 600 abonados. Neste sentido, lembrou a gran acollida que están a ter as obras de compañías galegas.
Redrum Teatro é unha compañía teatral creada en 2009, que aposta por conxugar grandes nomes da escena galega con propostas innovadoras e arriscadas, apostando pola posta en escena e primando a claridade da narración e un coidado deseño artístico.











