O Teatro Principal de Pontevedra acolle unha nova edición do Local Fest o vindeiro 5 de abril
A Concellaría de Xuventude organiza o vindeiro 5 de abril unha nova edición do Local Fest, o concurso para promover a escena musical emerxente, que busca por en valor a creación musical de base organizando un evento nun espazo emblemático da cidade como é o Teatro Principal.
O concurso consiste en que oito grupos seleccionados previamente por un xurado cualificado e representativo, farán unha actuación breve para mostrar o seu espectáculo. O xurado concederá un dos premios que consiste na gravación dun videoclip cunha produtora audiovisual por valor de 1000 euros.
O público asistente votará e concederá outro premio, que consistirá nunha actuación remunerada na cidade na festa final do programa Noites Abertas.
Todos os grupos finalistas recibirán un premio da asociación de músicos de Pontevedra (aínda en constitución e que integra a uns 80 músicos emerxentes e noveles da cidade que colaboran co Fest e habitualmente co Local de Música). O premio consiste nun programa formativo de orientación do proxecto musical e coaching para todas as bandas finalistas, que se desenvolverá ao longo de 2014.
O festival pecharase cunha actuación dun grupo convidado. Os grupos interesados na participación no Local fest deberán inscribirse entre o 20 de febreiro e o 20 de marzo, até ás 22.00 horas. O xurado seleccionarase o 22 de marzo e o concurso o vindeiro 5 de abril.
Os propósitos do concurso son presentar á comunidade unha mostra da escena musical independente nun espazo emblemático e representantivo da cidade. Ofrecer aos grupos noveis oportunidades para darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística. Ofrecer aos grupos participantes a oportunidade de conseguir un material audiovisual especial e relevante que apoie á súa estratexia promocional.











