O Teatro Jofre acolle a obra teatral “Hagamos lo que hagamos”
A compañía Corrales de comedias subirase este sábado, día 15, ao escenario do Teatro Jofre para representar “Hagamos lo que hagamos”. A función, que forma parte da programación cultural do Concello de Ferrol, dará comezo ás 20:00 horas e as entradas poderán ser adquiridas no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Esta obra teatral trata sobre tres xubilados, dous homes e unha muller, visitantes habituais dun parque que acaban intimando e contándose a súa vida. O carácter especial da muller, e o descubrimento da morte dos seus catro maridos, leva aos dous homes a dubidar da identidade da dama… Tres xubilados en busca da felicidade última… Unha historia que podería ser común, se o enxeño humorístico, e absurdo, do seu autor, non salpicara de divertidas pinceladas jardielescas, texto e situacións. “Hagamos lo que hagamos” é un encontro de tres personaxes cun pasado español que comezou nos anos corenta. España coas súas costumes, os seus mitos, os seus medos e as súas penalidades vanse desgranar sen acritude e con humor, pero sen desexos de que volvan e en busca dunha esperanza futura mellor.











