O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle a mostra “A rebotica da arte”
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle, a partir do venres 14 de febreiro, a mostra A rebotica da arte. Trátase dunha selección de obras da colección da Fundación Camilo José Cela, coa que o visitante poderá achegarse ós máis representativos autores da pintura española contemporánea, desde o último terzo do século XIX ata a segunda metade do XX.
Estruturada en tres bloques, a mostra pretende reflectir a estreita vinculación de Camilo José Cela coas Belas Artes, que non só se plasmou na súa faceta de coleccionista de arte senón nos seus escritos –ilustrados moitos deles por recoñecidos pintores– e na súa propia vocación de pintor, que o levou a expoñer, xa en 1947, na madrileña sala Clan.
Desde Picasso a Rafael Alberti
A exposición inclúe algunhas das preto de 2.000 obras que Cela logrou reunir ó longo da súa vida, entre as que figuran cerca dunha decena de pinturas e gravados de Picasso, 4 litografías e acuarelas de Miró, 4 obras de Granell, 3 de Zabaleta, así como varias de Chillida, Saura, Luis Seoane, Díaz Pardo, Benjamín Palencia, Vázquez Díaz, Luis Caruncho, Laxeiro, Urbano Lugrís, Otero Besteiro, Millares, Viola, Chirino, Guinovart, Tàpies, Úrculo ou Antonio López.
Xunto a eles, obras do propio Cela –óleos, gravados e debuxos– e doutros escritores coma García Lorca, Alberti ou Guitiérrez Solana, que, ó igual que o escritor padronés, tamén ampliaron a súa creación ó ámbito da pintura.
Completan a mostra material bibliográfico, manuscritos e outros documentos, entre os que se atopan varios dos monográficos da revista Papeles de Son Armadans, fundada e dirixida por Cela, e dedicados a artistas coma Joan Miró, o Grupo El Paso, Gaudí, Tàpies ou Ángel Ferrant; ilustracións dalgunhas das súas obras literarias; o discurso de ingreso na RAE que o Nobel galego lle dedicou a Solana ou dúas cerámicas de Picasso, entre outras moitas obras.
A mostra inaugurarase o venres 14, ás 20:00 horas, e permanecerá aberta ó público ata o 16 de marzo. A través dela o visitante poderá afondar na relación de Cela coa arte, nun percorrido polas tres salas que compoñen a exposición e que, baixo os títulos Os ilustradores da obra de Camilo José Cela, A fera intencionalidade de reforma e A vocación do pintor, recollen as reflexións do escritor sobre cada un deses temas.











