O Servizo de Recadación de Ourense trasládase ao novo edificio da Concellería de Facenda na Praza da Imprenta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A nova sede da Concellería de Economía e Facenda do Concello de Ourense na Praza da Imprenta, número 2, abrirá as súas portas ao público dende o vindeiro luns, día 10 de febreiro. O edificio acollerá inicialmente as dependencias administrativas e de atención ao público do Servizo Municipal de Recadación, que ata o día de hoxe se atopaba na rúa Hernán Cortés, número 2. Ao Servizo de Recadación acompañarán dende o martes, 11 os de Inspección e Plusvalías, actualmente ubicados na rúa Bispo Carrascosa e, en próximas datas, tamén o Servizo de Facenda, hoxe situado na pranta baixa da Casa do Concello.

O novo edificio da Concellería de Facenda, rehabilitado polo Concello, acollerá e unificará oficinas administrativas e de atención ao público desta área municipal que na actualidade se atopan ubicadas en diferentes inmobles  para unha maior comodidade e servizo aos usuarios, ao tempo que dotar das mellores instalacións para o funcionamento desta área  municipal, contribuíndo á rehabilitación e dinamización social da zona sur do Casco Vello.

A intervención consistiu na rehabilitación do inmoble, composto por baixo, 3 plantas e aproveitamento baixo cuberta, cunha superficie de 219,52 metros cadrados, en forma de L, con fachadas cara á Praza da Imprenta e á rúa Colón.

A planta baixa conta con dúas entradas: dende Colón, cara á zona de atención ao público, e dende a Praza da Imprenta, que dá acceso ao resto de oficinas. Na primeira planta sitúanse as dependencias que atenden directamente a un maior número de cidadáns, distribuíndo as restantes plantas co criterio de integración dos distintos servizos: Recadación na primeira, e nas plantas segunda, terceira e baixo cuberta os de Facenda (actualmente na Casa do Concello), IBI, Notificacións, Inspección de Rendas, Plusvalías, Órgano de Xestión Tributaria, (Bispo Carrascosa), e Tribunal Económico Administrativo, as salas de xuntas e outros espazos administrativos.

O Servizo de Intervención e Tesourería municipais continuarán nas actuais dependencias na rúa Barreira (Cárcere da Coroa).

 

7 de febreiro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.