O servizo de guía turística do Concello de Cangas atendeu a 1.374 visitantes no 2013
A Concellería de Turismo fixo balance esta semana do servizo gratuíto de guía turística para grupos de visitantes impulsado polo goberno local. En total, o ano pasado gozaron deste servizo 1374 persoas, o que supón un leve incremento respecto ás 1.313 visitantes do ano 2012. Os meses de maior afluencia na utilización deste servizo corresponden aos meses non estivais como xaneiro, con 572 visitantes ou outubro e novembro con 210 e 214 visitantes respectivamente. O perfil dos usuarios deste servizo municipal caracterízase por ser estudantes ou xubilados, na súa maioría procedentes doutras partes de Galicia e de España exceptuando a un grupo de alumnos norteamericanos e outro de británicos que aproveitaron esta actividade para coñecer mellor a historia e a cultura galega.
Dende a Concellería tamén sinálase que este servizo e moi utilizado tamén polos centros educativos do concello para achegar de primeira man aos alumnos o patrimonio histórico e artístico de Cangas así como o funcionamento institucional do Concello de Cangas.
A concelleira de Turismo Berta Pérez sinala que “con esta actividade pretendemos enriquecer a oferta lúdica e cultural da nosa vila” afirma, “así como descubrir ao visitante a riqueza patrimonial e histórica que agocha a nosa vila” engade, “co obxectivo de dinamizar e potenciar a vila de Cangas como referente turístico” conclúe.











