O Servizo de Facenda de Ourense xa atende ao público nas novas dependencias da Praza da Imprenta
O servizo municipal de Facenda, ata a semana pasada ubicado na Casa do Concello, xa atende ao público nas súas novas dependencias, na Praza da Imprenta, número 2, nun edificio rehabilitado polo Concello, que acolle tamén as instalacións dos servizos de Recadación, Plusvalías, Inspección e Órgano de xestión tributaria.
O edificio acolle e unifica oficinas administrativas e de atención ao público da área de Facenda municipal que antes se atopaban en diferentes inmobles para maior comodidade e mellor servizo ás persoas que a eles acuden, ao tempo que dotar das mellores instalacións para o funcionamento desta área municipal, contribuíndo á rehabilitación e dinamización social da zona sur do Casco Vello.
A intervención consistiu na rehabilitación do inmoble, composto por baixo, 3 plantas e aproveitamento baixo cuberta, cunha superficie de 219,52 metros cadrados, en forma de L, con fachadas cara á Praza da Imprenta e á rúa Colón. Na planta baixa está a zona de atención ao público, e na primeira planta está o Servizo de Recadación, anteriormente ubicado na rúa Hernán Cortés. As plantas segunda, terceira e baixo cuberta acollen as dependencias de Facenda IBI, Notificacións, Inspección de Rendas, Plusvalías, Órgano de Xestión Tributaria e Tribunal Económico Administrativo, anteriormente repartridos entre a Casa do Concello e rúa Bispo Carrascosa. O Servizo de Intervención e Tesourería municipais continúan e continuarán nas actuais dependencias na rúa Barreira (Cárcere da Coroa).











