O Santiago Futsal xógase tres puntos de ouro ante Col. Areas Gran Canaria
Tras a xornada de descanso, o Santiago Futsal retoma mañá venres a competición para disputar a vixésimo terceira xornada de liga, onde recibe aos Colexios Areas Gran Canaria ás 21h no Multiusos Fontes do Sar, rodeado dunha gran festa de Entroido organizada polo club, para animar aos seus afeccionados a acudir ao pavillón a animar a un Santiago Futsal ao que só lle valen o tres puntos.
E é que tras cinco xornadas mantendo a sexta praza, a pesar de sumar só3 puntos (3 derrotas, 1 vitoria e unha de descanso), a marxe de erro é agora mínimo, e por detrás chegan Burela FS e Ríos Renovables Ribeira de Navarra apertando forte, empatados a 29 puntos cos de Santi Valladares.
En fronte terá ao pechacancelas da clasificación, unha arma de dobre fío do que non se fía o persoal do Santiago Futsal, xa que a pesar de sumar só 7 puntos, xa puxo en aprietos a equipos como Burela, Umacon Zaragoza ou Magna Navarra.
Para o partido de mañá, Palomeque será baixa por accidente no nocello esquerdo con afectación do tendón peroneo lateral curto. Nas próximas horas realizaranse exploracións complementarias para precisar o alcance da lesión. Tampouco estará en convocatoria Santi, aínda que fai algunha tarefa co grupo tras as súas molestias no menisco. Así, a convocatoria para mañá fórmana: David, Barroso, Loito, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Pablo Tallón, Hugo, Raúl (p), Chus, David Pazos, Hamza e Quintela. Os árbitros do partido serán Contreras Tejedor e Pérez Álvarez do colexio castelán-leonés.
Sala de prensa
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, explicou esta mañá en rolda de prensa que “hai que ter coidado con este partido. É un tipo de partido moi complicado, porque eles non teñen nada que perder e pódenche vir e xogar con porteiro-xogador todo o partido e iso xa che descompensa. Temos que saír moi concentradas desde o principio e non confiarnos”.
Ademais, engadiu que “Cada partido para eles é unha final para poder reengancharse arriba e iso é o que lles fai imprevisibles. Cambiaron moitos xogadores e a falta de información deles é unha adversidade engadida. Eles manteñen un estilo moi similar ao que tiñan, aínda que agora con Marc Areny fixan un pouco máis de pivote. A situación de porteiro-xogador cambiárona completamente con respecto a cando nós xogamos aí, temos só dous partidos deles e ese descoñecemento do rival é algo que me preocupa”.
O técnico santiagués, concluíu que “como digo sempre dependemos de nós, si nós facemos o que temos que facer, non ten que ser complicado, pero si saímos desconcentrados, pódesenos complicar moito. Temos que seguir sendo fortes en casa e conseguir este tres puntos son clave para nós”.
Outra información de interese
Celebrarase unha gran festa de Entroido na que todos os nenos/as (menores de 13 anos) que acudan disfrazados ao partido poderán entrar totalmente GRATIS.
Ademais, repartiranse filloas de Entroido entre os afeccionados que acudan disfrazados.
Os máis pequenos poderán gozar cos inchables do Multixogo e coa zona de entretemento de Planeta Magic situadas no hall de entrada do Multiusos desde as 20h, hora de apertura de portas.
Antes do comezo do partido, unha parella do Club Deportivo Fontiñas realizará unha exhibición de patinaxe, pola disputa do XIII Campionato de España Grupos Show que se celebrará no propio Multiusos Fontes do Sar o sábado e domingo.
No descanso realizarase unha entrega de premios aos mellores disfraces con premios para os 3 mellores: 1er premio un vale de 100€ para a Praza de Abastos; 2º premio unha cesta de gominolas de Pecados de Compostela; e 3er premio unha TV portátil. Tamén se realizarán os habituais sorteos de Star Center e Hotel Oca Porta do Camiño.











