O Santiago Futsal disputará a Mini Copa Infantil de Logroño
Xa se coñecen os horarios da Mini Copa Infantil que se celebrará en Logroño do 14 ao 16 de Marzo, coincidindo coa Copa de España que disputarán os 8 primeiros clasificados tras terminar a primeira volta.
O equipo Infantil do Santiago Futsal debutará en cuartos de final co mesmo rival que o primeiro equipo, o Montesinos Jumilla, o venres 14 ás 10,30h no Municipal Juan Yague. En caso de vitoria, enfrontarase ao vencedor do encontro entre os infantís de Marfil Santa Coloma e Elpozo Murcia, o sábado 15 ás 12,30h no Palacio dos Deportes de Logroño, escenario da Copa de España. A final celebrarase tamén no Palacio dos Deportes o domingo 16 ás 11h.
Os partidos disputaranse en dous períodos de 20 minutos a reloxo parado cun descanso de 10 minutos. Os partidos que finalicen en empate, fóra da final, procederase ao lanzamento de penaltis, segundo as vixentes Regras de xogo. Na final, xogarase unha prórroga de 1 tempo de 5 minutos e de continuar o empate ao lanzamento de penaltis.
O equipo Infantil do Santiago Futsal viaxará coa expedición do primeiro equipo a Logroño e estarán hospedados no mesmo hotel, convivindo con xogadores e técnicos do primeiro equipo durante o transcurso da Copa de España.











