O Rio Natura Monbus pode cos elementos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Aínda faltaban cinco minutos para a conclusión e a vantaxe de dez puntos que o Rio Natura Monbus traballara durante todo o partido empezou a perigar: Oriol Junyent e a Mario Delas caían eliminados por cinco faltas. Muscala e Stobart, os dous homes altos que asumiron entón o xogo interior, contaban con catro e tres penalizacións, respectivamente. O panorama, até ese momento festivo debido á boa imaxe que o equipo mostrara nos 35 minutos anteriores, tornouse borroso ante a perspectiva de perder máis homes en combate. Con todo, os homes de Moncho Fernández, lonxe de arredrarse, levantaron unha empalizada ficticia diante da súa canastra, sinalaron a Pavel Pumprla ‘William Wallace’ da escuadra e rubricaron a sétima vitoria da tempada. Sen dúbida, unha das que máis orgullo deben xerar no vestiario e no groso da afección, polo traballado e sufrido da súa consecución. Iberostar Tenerife, que tivo en Blagota Sekulic ao seu home-lanza (22 puntos, 28 de valoración) non puido cun Rio Natura Monbus que soubo manexar o ritmo do choque e neutralizou ao rival nos momentos exactos. Mike Muscala, con 25 puntos e 8 rebotes, completou a súa mellor actuación como obradoirista e converteuse no MVP do terceiro triunfo consecutivo dun grupo que non para de crecer.

A igualdade do primeiro cuarto só viuse ‘ameazada’ polo irresistible inicio de Muscala. O de Minnesotta completou o cuarto perfecto: 14 puntos, 6/6 en tiros de dous. A súa anotación e o bo inicio de Rafa Luz e Pumprla contrarrestaron a un Iberostar Tenerife que se deixou en mans de Sekulic e Saúl Branco, certeiro este último desde a liña de triplos. O marcador, ao final de primeiro cuarto, mostraba o equilibrio existente: 23-20.

A balanza desnivelouse no segundo, cando a segunda unidade da Obra deu un golpe sobre a mesa e superou todo o exposto desde o banco rival por Alejandro Martínez. Oriol Junyent recolleu a testemuña de Muscala. Dewar acertou en dúas ocasións desde máis aló de 6’75. O control do rebote (31 por 24, ao final) tamén contribuíu a que os de Moncho Fernández escapásense no marcador, diferenza que puido ser maior si Ricardo Úriz non acertase desde o perímetro ao soar a bucina que sinalaba o descanso (49-40).

A pesar de que os canarios comezaron a ver máis canastra, sobre todo desde o exterior, nunca permitiu o Rio Natura Monbus que o rival collese carrerilla. Apertou a Obra en defensa aínda máis, aínda que iso custáselle a acumulación de faltas –algunha discutible- que máis tarde poría en aprietos ao equipo. Alberto Corbacho apareceu, como fai sempre que se lle necesita, e o equipo superou con éxito o terceiro período, no que tamén se impuxo parcialmente ao rival (67-54).

Un triplo da metralleta balear colocou a máxima diferenza do partido (70-56, min. 32) ao comezo do cuarto definitivo. Cando o camiño parecía achandado, chegou a primeira eliminación. Junyent, con cinco faltas, enfilaba o banco, seguido segundos despois por Mario Delas. Os triplos de Dewar e Xanthopoulos sacudiron momentaneamente a preocupación (80-65) min.35), pero o equipo aínda necesitaba o corazón de Pumprla para certificar a vitoria ante un Iberostar Tenerife que cheirou sángrea pero foi incapaz de superar en ganas aos composteláns. Co checo chegando a todos os balóns, en ataque e defensa, o Rio Natura Monbus pechou o partido cun éxito máis (84-76) no seu haber, quizá máis grande que outros pola forma de conseguilo. Triunfo importante, terceiro consecutivo, xusto antes da semana de parón á que obriga a celebración da Copa do Rei. O balón volverá voar para o Rio Natura Monbus o próximo 16 de febreiro en Manresa.

84 – Rio Natura Monbus (23+26+18+17): Rafa Freire Luz (2), Pavel Pumprla (16), Alberto Corbacho (9), Mario Delas (4), Mike Muscala (25) -cinco inicial-, Durand Scott (2), Micky García Stobart (2), Ben Dewar (9), Oriol Junyent (10) e Vasilis Xanthopoulos (5).

76 – Iberostar Tenerife (20+20+14+22): Úriz (9), Branco (13), Rost (3), Sekulic (22), Sikma (02) -inicial-, Richotti (14), Biviá (3), Fajardo (2) e Gutiérrez (8).

Árbitros: M.A. Pérez Pérez, Jorge Martínez, M.A. Pérez Niz

Incidencias: 5028 espectadores. Eliminados por cinco faltas: Oriol Junyent, Mario Delas do Rio Natura Monbus

2 de febreiro de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.