O rexedor de Ordes insiste nunha ruta para os camións de Sogama que evita o seu paso polo casco urbano
O alcalde de Ordes vén de reiterar unha vez máis a “innecesidade de que o tráfico pesado a partir de 5,5 t que se dirixe tanto á planta de tratamento de Sogama como ao vertedoiro da Areosa atravese o casco urbano de Ordes”. Regos insiste “na existencia dun itinerario alternativo marcado polo concello de Ordes e que no seu día xa se puxo en coñecemento dos profesionais e das administracións afectadas polo corte da estrada de Mercurín”. Unha decisión acordada no pleno municipal da pasada semana como consecuencia do gran deterioro que presenta a dita estrada, pendente dun investimento de arredor de 2.300.000 euros, concedido no ano 2009 a través do Plan Míner.
“Calquera destes vehículos pode coller a Rolda Leste para enlazar co polígono industrial de Merelle e coa N-550 ata chegar ao Mesón do Vento, o cal evitaría que os veciños e veciñas de Ordes tiveran que soportar os inconvenientes que o seu tránsito supón en materia de contaminación ambiental, acústica e na fluidez do tráfico rodado en xeral” puntualiza o rexedor. “Xa dende o Mesón do Vento poden chegar directamente á central térmica. Tamén poden coller o desvío situado a man esquerda cara a Orellán para seguir ao embalse de San Cosmade, con dirección a Bailía, para finalizar no vertedoiro da Areosa”. Un percorrido especialmente indicado para aqueles camións chegados dende o sur da comunidade galega que fan uso deste vaso para depositar directamente a súa carga sen ser analizada e tratada previamente. O Concello de Ordes incluso ordenou a realización dun informe por parte da Policía Local para avaliar a conveniencia e a posibilidade de ordenar esta medida, a cal foi asumida tras analizar pormenorizadamente a ruta e estudar a viabilidade do tránsito de camións de gran tonelaxe por este tipo de vías.
“O arranxo desta estrada é unha cuestión de máxima prioridade para nós debido ao seu estado e ao seu agravamento tras as últimas chuvias. Todo iso unido ás predicións de cara ás vindeiras semanas leváronnos a ter que presentar pola vía de urxencia unha proposta para que a titularidade desta estrada supramunicipal fose asumida pola Xunta de Galicia, co fin de que asumira o custo do seu arranxo”. Unha medida que foi rexeitada tanto polo PP como polo BNG e cualificada por Regos de “inconcibible e moi criticable” dado “o coñecemento de primeira man que teñen tanto da situación veciñal como da imposibilidade para solucionar este arranxo por parte das arcas municipais”. “Tal e como vimos denunciando e advertindo dende hai tempo, a estrada de Mercurín padece tal deterioro que de non adoptar esta medida tan drástica en breve nin os veciños e veciñas da zona nin os autobuses escolares nin ningún tipo de vehículo poderían transitar por ela. Unha situación que suporía o illamento total dos centos de veciños e veciñas desta área. Acaso daquela a Xunta vainos escoitar e atenderá o que é de xustiza para a cidadanía?”, asevera o alcalde ordense.
Dende alcaldía vénse reclamando esta intervención dende que no ano 2008 se iniciaran as conversas con Sogama. En 2009 asínase o convenio coa Xunta para a redacción do proxecto. Tras varias reunións e encontros no ano 2011 reitérase unha vez máis á Consellería de Economía e Industria e ao Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoceso, a necesidade de acometer a obra. Un escrito avalado cun informe técnico e no que o Concello xa advirte da necesidade de ter que restrinxir o tráfico pesado por ela de non obter unha resposta satisfactoria. No ano 2012 o alcalde mantén un encontro con Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente, territorio e Infraestruturas onde se aborda o caso. Ao longo de 2013 mantense contacto coa Presidencia da Xunta de Galicia, así como co Instituto para a Reestruturación da Minería do Carbón e o Desenvolvemento das Comarcas Mineiras, sen que ninguén ata o momento anunciara unha solución ou unha nova alternativa ás formuladas dende o municipio.
Incluso dende o Concello, sendo conscientes da situación económica actual e sempre levados por unha actitude conciliadora e de consenso, en xuño de 2012 elaborouse un novo proxecto de arranxo e mellora que reducía á metade o investimento inicial. A cifra ascendía a pouco máis de 1.200.000 euros, sen que isto supuxera tampouco, tal e como é evidente, a solución.











