O rexedor de Nigrán pide a posta en marcha do plan de transporte metropolitano
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, solicitou á delegada territorial da Xunta de Galicia, María José Bravo Bosch, que non cese na posta en marcha do plan de transporte metropolitano exposto onte pola administración autonómica. “É o momento para dar unha solución definitiva ao transporte metropolitano, a cidadanía solicítao e todos os concellos da área estamos a favor desta iniciativa”, afirma.
O modelo exposto onte pola Xunta de Galicia, na reunión celebrada na delegación da administración autonómica en Vigo, xa existe noutras zonas de Galicia, como é a área de Ferrol ou Santiago de Compostela. “A experiencia noutros puntos de Galicia ratifica o seu funcionamento, polo que Vigo xa non ten argumentos para non apoiar esta medida”, insiste o rexedor municipal.
A formulación da Xunta de Galicia permitirá optimizar a calidade do transporte na área metropolitana, por terra e por mar, e abaratar os custos para os usuarios, polo que mellorará o servizo para todos a veciños da área metropolitana. Ante esta realidade, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xa non ten máis escusas para non apoiar a posta en marcha dunha medida que beneficiará á cidadanía e á economía da cidade.
Neste sentido, o rexedor municipal lembra a Caballero que Vigo nútrese dos municipios próximos, cuxos veciños se desprazan de forma habitual á cidade por traballo, compras, lecer e consumo. “Non apoiar esta medida é sinónimo de prexudicar á cidade de Vigo en particular, e á cidadanía da área metropolitana en xeral”, puntualiza.
Así mesmo, Valverde plantexou á delegada territorial a urxencia da implantación do plan de transporte. “É imperativo establecer un marco temporal pechado e que non exceda dos prazos dun ano expostos na reunión de onte. Agora, xa non hai escusas para que a área metropolitana non teña un servizo de transporte público en condicións”, conclúe.











