O rexedor de Neda agradece ás forzas de seguridade a recuperación do cable de cobre
O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, quixo agradecer publicamente o traballo levado a cabo polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado despois de que a Garda Civil detivese a catro persoas acusadas do roubo de cable de cobre na real vila e tamén en Cabanas. Nesta liña, o rexidor lembrou que, a pasada semana, o subdelegado do Goberno na Coruña xa anticipaba o avanzado estado das investigación en relación a este tema. Tema que levou ao alcalde a solicitar a celebración dunha reunión da Xunta Local de Seguridade. Naquel momento, e tal e como así foi, o subdelegado comprometía os esforzos dos Corpos e Forzas de Seguridade para continuar estreitando o cerco sobre este tipo de delictos que, nos últimos tempos, obrigaron ao Concello de Neda a destinar uns 25.000 euros para restituír o cable roubado. De tódolos xeitos, Ignacio Cabezón insistiu na intención do goberno local de sustituír o cable roubado de cobre por outro de aluminio, sen valor no mercado e co ánimo de facer desistir aos delincuentes das súas intencións.











