O punto limpo de Ferrol recolleu sete toneladas de refugallos no pasado mes de xaneiro
O Punto Limpo Municipal do Concello de Ferrol, situado na estrada de Catabois e xestionado pola empresa Recinor, pechou o pasado mes de xaneiro cun total de 7.259,630 quilogramos de refugallos recibidos e canalizados para a súa reutilización ou destrución a través de xestores autorizados. Así se recolle na memoria facilitada pola empresa que xestiona este servizo municipal que é de carácter gratuíto para os veciños e veciñas de Ferrol.
No referido ao tipo de residuos depositados no equipamento medioambiental, encabezan o listado os electrodomésticos con 2.433,92 quilogramos (165 unidades); seguido dos entullos, con 2.020 (26 unidades); os metais (63 unidades), con 1.008; as baterías, con 604; e a madeira, con 450 quilogramos recollidos. O resto de tipos de residuos e volume que os veciños de Ferrol entregaron no Punto Limpo Municipal foron, polo seguinte orde e segundo peso recollido: ordenadores, 234 quilogramos; voluminosos, 165; aceite vexetal, 108; aceite mineral, 77; pinturas, 55; frigoríficos, 40; PVC, 30; pilas, 14,88; vidro plano, 10; fluorescentes, 4,26; radiografías, 3,17; aerosois, 1,95; plásticos, 0,3; e tóner de impresora, 0,15 quilogramos.
Outro dato a ter en conta é que no mes de xaneiro déronse de alta neste servizo gratuíto para os veciños de Ferrol 67 novos usuarios, o que fai que dende a posta en marcha no ano 2007 do Punto Limpo Municipal o número total de usuarios ascenda a 9.508.
O Punto Limpo do Concello de Ferrol é un servizo municipal que contribúe á minimizar a existencia de vertedoiros incontrolados. Precisamente, e para eliminar a existencia destes puntos de almacenamento de refugallos ilegais, o Goberno Municipal vén de adxudicar esta semana o contrato para a erradicación deste tipo de vertedoiros.











