O proxecto “Ciudad ciencia” regresa a Cangas cunha conferencia sobre o coñecemento do universo
O proxecto de divulgación científica “Ciudad Ciencia” no que participa o Concello de Cangas regresa ao noso municipio este xoves día 20 de febreiro coa conferencia “El universo ¿conocido?” impartida por Emilio José García membro do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA, CSIC).
Esta actividade, dirixida aos máis pequenos, está dividida en dúas sesións que terán lugar no Auditorio Municipal de Cangas. Así pois, o xoves ás 10.00 horas celebrarase unha conferencia para os nenos e nenas de 5º e 6º curso de primaria dos centros escolares locais e ás 12.00 horas terá lugar a charla destinada aos alumnos e alumnas de 3º e 4º da E.S.O.
Durante a conferencia abordaranse diversos tempas e interrogantes sobre o gran descoñecido que é o Universo, destacando o feito de que cantos máis descubrimentos se fan arredor de cómo é o universo, máis enigmas aparecen. Trátase dunha charla con “máis preguntas que respostas”.
A conferencia correrá por conta de Emilio José García, membro da Unidade de divulgación e comunicación do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC). Na súa experiencia en labores de divulgación cabe destacar a realización do proxecto audiovisual “Los Teslablog” e “El extraño caso de Henrietta Leavitt”, así coma o programa radiofónico “El Radioscopio”, actualmente en antena en Radio Andalucía Información. Tamén elabora a sección “Un viaje por el Universo” no programa de divulgación científica Con-Ciencia de Canal Sur Televisión, e coxestiona o proxecto educativo PIIISA, nol que alumnos de ensinanzas medias realizan un proxecto científico.
Con esta actividade preténdese achegar o mundo da astronomía aos máis pequenos para que descubran por si mesmos os misterios que rodean o universo.
O concelleiro de medio ambiente e coordinador de Ciudad Ciencia en Cangas Jesús Graña declara que o tema desta conferencia foi solicitado por varios centros escolares na reunión mantida o mes de decembro. “Esperouse para fixar a data da charla para que coincidise coa exposición `El universo para que lo descubras´para que poidan realizar as dúas actividades” afirma o concelleiro.
Outras actividades
Lembramos que ata o mesmo día 20 de febreiro aínda se pode visitar, de forma gratuíta, a exposición “El Universo para que lo descubras” enmarcada dentro da programación de “Ciudad Ciencia”.
Trátase dunha mostra fotográfica que pretende acercar a astronomía ao público en xeral a través de imaxes obtidas con satélites e telescopios situados en diferentes países. Nela inclúense impactantes imaxes acompañadas de explicacións científicas e citas literarias.











