O programa ‘Tendas Pop-Up’ facilitará a apertura de negocios que amplíen a oferta comercial do Agra do Orzán
Fomentar o autoemprego e o emprendimiento a través da creación de negocios distintos e orixinais que amplíen a oferta comercial do Agra do Orzán é o principal obxectivo de Tendas Pop-Up, un plan de dinamización comercial pensado para reactivar e dinamizar este barrio coruñés e impulsado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid.
A iniciativa, denominada Test e presentada hoxe en rolda de prensa por Luisa Cid, consiste en levar ao Agra do Orzán unha tendencia moi estendida a nivel mundial e baseada en aproveitar locais baleiros para dinamizar un barrio. Consiste en que os emprendedores poidan montar de forma gratuíta tendas temporais –pop-up– en baixos desocupados dándolles así a oportunidade de comprobar como respondería o mercado aos seus negocios sen asumir demasiados riscos.
“Neste proceso non estarán sós”, dixo Cid, xa o programa inclúe servizos de asesoramento e análise de cada caso. Todas estas aprendizaxes finalizarían en sesións prácticas en espazos onde os emprendedores “poderán testar” o seu proxecto en forma dunha tenda pop-up, indicou a tenente de alcalde.
TALLERES, CONCERTOS E EXPOSICIÓNS CADA SEMANA
Cid explicou que as tendas pop-up montaranse en dous locais: no número 58 da rúa Barcelona -un baixo de 305 metros cadrados- e na rúa Corcubión, 23, un local de 272 metros cadrados. Ambos están en pleno centro neurálxico do barrio, funcionarán durante cinco meses (de marzo a xullo) e “estarán equipados e adaptados ás necesidades de cada emprendedor”, engadiu a edil, quen sinalou que o obxectivo é pór en marcha 40 tendas pop-up que se promocionarán cada semana no barrio con talleres, exposicións, concertos, charlas, workshops e pecha kuchas, formato este último moi innovador baseado en presentar proxectos con 20 diapositivas mostradas durante 20 segundos cada unha.
O baixo da rúa Barcelona acollerá, ademais de tendas temporais, un espazo para eventos culturais cun deseño pouco convencional e máis industrial. Denominarase Hangar e albergará o Observatorio, foro onde veciños, colectivos e ONG poderán desenvolver actividades, explicou Cid, quen destacou que este espazo terá actividade permanente o cinco meses do programa e que contribuirá a difundir o carácter multicultural do barrio.
“Haberá accións e actividades asociadas á creatividade, a cultura, a arte e o lecer, pero sempre cun contido relacionado co proxecto ou proxectos pop-up que ocupe o espazo nese momento”, subliñou a edil, quen engadiu que a creatividade “será un valor seguro”.
No programa poderán participar os emprendedores e tamén todos os comercios do barrio que desexen presentar os seus produtos de forma diferente ou diversificar a súa actividade. As persoas interesadas en participar na iniciativa Test poden realizar a inscrición na web www.testpopup.com.es.
SESIÓN VERMÚ E PINTURA NO ACTO INAUGURAL
As accións comezarán este sábado, 1 de marzo, na rúa Barcelona, 58 cunha sesión vermú amenizada polo DJ Hangtheguille. O evento (de 12.00 a 14.00 horas) contará coa primeira das exposicións previstas, xa que a pintora Susana Shalabi colocará no novo espazo as súas creacións, e co artista urbano Tayone.
Tendas Pop-Up ten un orzamento de 100.369 euros (cofianciado ao 80% pola Unión Europea a través de fondos Feder) e é o segundo programa -o primeiro foi Tendas a Exame– que se pon en marcha este ano do tres deseñados para o comercio do Agra do Orzán dentro do plan Urbana-C.
O terceiro proxecto, Substitución Xeracional, arrincará no primeiro trimestre de 2014 e do mesmo xeito que os dous anteriores nace co propósito de dinamizar e fomentar a apertura de negocios no barrio.











