O programa de Entroido da Laracha inclúe diversas actividades para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha presenta o programa municipal de actividades que organiza con motivo da celebración das Festas do Entroido e que se desenvolverá do 2 ao 4 de marzo. As propostas van dirixidas a todos os públicos, sendo os nenos os principais protagonistas dos eventos do domingo e do luns e o público en xeral o encargado de amenizar o tradicional concurso de disfraces do martes de Entroido, data establecida como festivo local no Concello da Laracha.

Así, o domingo 2 de marzo, tal e como é costume neste programa, celebrarase no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís o evento coñecido como o Baile da piñata. A xornada, que comezará ás 18.00 horas, estará amenizada pola orquestra Los Trovadores e, ademais dos xogos, repartiranse larpeiradas a todos os rapaces que acudan disfrazados.

O luns 3, a partir das 17.30 horas e no baixo da biblioteca municipal da Laracha, proponse aos nenos a participación en diversidade de obradoiros relacionados co Entroido, como son os de maquillaxe, máscaras e filloas. Tamén haberá xogos de animación e contacontos.

Concurso de disfraces

O evento central do programa será o tradicional concurso de disfraces, un certame dirixido a todos os públicos no que este ano se repartirán máis de 2.600 euros en premios. Terá lugar o martes de Entroido, data fixada como festivo local no Concello da Laracha.

As categorías establecidas son as seguintes:

-Individual infantil (ata 12 anos).

-Individual adulto (a partir de 13 anos).

-Parellas infantil (ata 12 anos).

-Parellas adulto (a partir de13 anos).

-Grupos (de 3 a 8 compoñentes).

-Comparsas (máis de oito compoñentes)

A xornada desenvolverase na Praza do Concello (en caso de condicións climatolóxicas desfavorables, no pavillón do IES Agra de Leborís) e iniciarase ás 17.30 horas cunha verbena amenizada pola orquestra Trébol. No descanso da mesma terá lugar o concurso de disfraces.

As persoas, grupos e comparsas que desexen participar e optar aos premios deben anotarse no Concello entre o luns 24 de febreiro e o luns 3 de marzo en horario de oficina, ou ben o propio martes de Entroido antes do inicio da verbena.

22 de febreiro de 2014 | 23:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.