O Polígono de San Cibrao e o Círculo de Empresarios de Galicia promoverán actividades e proxectos conxuntos
A clausura do ciclo de reunións sobre a rexeneración empresarial de Galicia, na que interveu o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde López, coincidiu esta mañá cun acto que reforzará a colaboración entre os empresarios do sur de Galicia e que axuntará os esforzos e as iniciativas dos dous grandes colectivos das provincias de Ourense e Pontevedra.
Os presidentes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas e do Círculo de Empresarios de Galicia, Elías Mera Martínez e Javier Garrido Valenzuela, asinaron en Vigo un pioneiro convenio polo que ambas as entidades se comprometen a impulsar proxectos conxuntos, a divulgar mutuamente os seus programas de actividades e a pór a disposición dos asociados da outra provincia salgas para encontros, reunións ou sesións particulares de traballo durante os seus desprazamentos a Vigo ou a Ourense.
En primeiro lugar, o acordo constata que o Círculo de Empresarios e a Asociación do Polígono de San Cibrao están á vangarda das entidades sensibilizadas coa nova realidade empresarial de Galicia e que son pioneiras no fomento da cooperación interprovincial.
Tal e como recolle o convenio, colaborarán “no desenvolvemento daqueles proxectos para os que ambas as partes consideren que existen obxectivos comúns”. Ademais, cada colectivo divulgará as actividades, os proxectos e mesmo a imaxe corporativa da outra entidade en todo tipo de soportes, desde páxinas web até as redes sociais. Neste caso, o obxectivo é fomentar a participación entre os asociados dunha e outra provincia.
O terceiro punto do acordo establece que, para incentivar a colaboración empresarial, as instalacións do Círculo de Empresarios, en Vigo, estarán a disposición dos asociados do Polígono para encontros e reunións, e igualmente as do Edificio Multiusos de San Cibrao poderán ser utilizadas polos socios do Círculo, en ambos os casos sen necesidade de realizar ningún tipo de contraprestación económica polos servizos aos que se refire o convenio. Os únicos requisitos serán a reserva previa e a adaptación á dispoñibilidade das instalacións, á normativa interna de uso e aos horarios de apertura e peche.
Para garantir que esta iniciativa conxunta da Asociación e do Círculo logre o obxectivo de axuntar e interrelacionar aos empresarios das provincias de Ourense e Pontevedra, crearase unha comisión mixta para o seguimento do acordo. Inicialmente, a vixencia estenderase até finais de ano.
Participación no Ciclo para a Rexeneración Empresarial
O Polígono de San Cibrao das Viñas tivo un papel moi activo no ciclo de reunións “É o momento da rexeneración empresarial”, clausurado esta mañá en Vigo. A Asociación de Empresarios foi precisamente a encargada de abrir este ciclo o pasado 26 de setembro, coa organización do primeiro encontro, e as súas achegas incluíron propostas no ámbito do financiamento empresarial, da innovación, da internacionalización, da xestión e da cooperación, entre outras.











