O polideportivo de Sigüeiro acollerá o Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Oroso

Festival infantil no CRA Oroso
O polideportivo municipal de Sigüeiro acollerá mañá sábado 1 de marzo o tradicional Concurso de Disfraces de Entroido do Concello de Oroso, no que xa están pechadas as inscricións previas pero para o que todavía é posible anotarse o mesmo día do concurso: de 16:30 a 17:30 horas no propio polideportivo. Se as condicións meteorolóxicas non o impiden, ás 18:00 horas sairá un Desfile de Entroido que percorrerá as distintas rúas de Sigüeiro. No caso de forte choiva, o desfile tería lugar no interior do propio polideportivo.
Unha vez rematado o desfile, no polideportivo terá lugar o concurso de disfraces, no que o Concello de Oroso repartirá 3.170 euros en premios. Como en anos anteriores, haberá dúas categorías: adultos e infantil (menores de 16 anos), con tres modalidades diferentes: individual, grupo e comparsa, nas que se designarán un gañador e un finalista. Deste xeito, na categoría adultos, as comparsas (mínimo 6 compoñentes) optarán a dous premios de 500 e 300 euros. Os grupos (de 2 a 5 integrantes) repartiranse dous premios de 350 e 220 euros; mentres que na modalidade individual competirán por dous premios de 250 e 180 euros. Na categoría infantil, os premios para as comparsas serán de 350 e 200 euros. Os grupos competirán por 220 e 150 euros; mentres que os individuais optarán a 180 e 120 euros. Tamén haberá un premio especial de 150 euros para unha comparsa de Oroso.
Éxito do CRA
Por outra banda, esta mañá tivo lugar no centro cultural de Sigüeiro o tradicional Festival de Entroido dos nenos e nenas do Centro Rural Agrupado de Oroso. Tras un pequeno desfile, polo escenario do centro cultural foron pasando as comparsas de nenos de Deixebre, os dous grupos de Senra, Vilacide e os dous grupos de Trasmonte. Un Festival que rematou cunha festa para todos os pequenos.











