O polideportivo da Silva acollerá o gran Festival de Entroido de Lousame
O polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva) acollerá a partir das 17:00 horas de mañá sábado 1 de marzo o Festival de Entroido do Concello de Lousame. Unha festa que terá lugar ata as 20:00 horas e que inclúe un amplo programa de actividades: concurso de disfraces, degustación gratuíta de filloas e de orellas, máquina de palomitas, obradoiros de elaboración de caretas e de maquillaxe e unha sesión disco-baile para os máis pequenos, que estarán acompañados por Peppa Pig e Mickey Mouse. O concurso de disfraces estará dividido en catro categorías: de 1 a 5 anos, de 6 a 10, de 11 a 13 e de 14 a 17 anos. O Concello de Lousame premiará aos dez primeiros clasificados de cada unha das categoría.
A Andaina, pendente do tempo
Previamente ao Festival, e se a climatoloxía o permite, terá lugar unha andaina de Entroido denominada “Hansel e Gretel”. Trátase dunha pequena ruta de sendeirismo pola zona da Silva, duns 4 quilómetros, e especialmente adaptada para os nenos e nenas, que terán unha gran sorpresa no medio do roteiro. O punto de saída é o polideportivo municipal, ás 15:30 horas, e a duración da ruta é de 2 horas e 15 minutos, polo que os participantes chegarán a tempo de participar no concurso de disfraces. Iso si, os nenos e nenas que participen deberán ir acompañados dun adulto.











