O policía local de Verín, Fernando Castro, galordoado nos III Premios de Seguridade Viaria para Policías Locais

Fernando Castro
O axente responsable de seguridade viaria da Policía Local de Verín, Fernando Castro Salgado, acaba de ser galardoado por FESVIAL nos III Premios de Seguridade Viaria para Policías Locais, que serán entregados o vindeiro 26 de febreiro, durante a I Xornada Iberoamericana sobre Seguridade Viaria Municipal, enmarcada no Salón Internacional da Seguridade (SICUR).
O axente verinense foi galardoado coa medalla á seguridade viaria destinada aos pequenos municipios pola súa traxectoria persoal e profesional de compromiso coa seguridade viaria e as numerosas iniciativas que vén impulsando, entre as que destaca o proxecto “Seguridade e educación viaria transfronteiriza”, que dende hai anos se está a materializar entre as localidades de Chaves e Verín. Tamén acadaron unha medalla, pero nas categorías de medianos e grandes municipios, Leonardo Román Lafuente Valentín (xefe da Policía Local de Aranxuez -Madrid-) e José Manuel Morales Ruiz -xefe da Subinspección de Coordinación do Corpo de Policía Municipal de Madrid-). Durante o acto de entrega de premios, tamén se repartirán o de formación en seguridade viaria (Escola de Seguridade Pública de Andalucía), e boas prácticas en seguridade viaria (Policía Local de Moguer -Huelva-, Policía Local de Segovia, Policía Local de Albacete e Policía Local de Sevilla).
Os premios da Fundación Española para a Seguridade Viaria (FESVIAL), organizados coa colaboración da Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local, teñen por obxecto realizar un recoñecemento público ás Policías Locais, aos seus profesionais e aos Centros Oficiais de Formación dos devanditos servizos policiais, cuxa actuación no ámbito de seguridade viaria se fixese merecedora de distinción.











