O Plan Marco permite acometer a execución de obras en dúas estradas rurais de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Poio

Cores Tourís na visita a Poio

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora de dos estradas rurais do concello de Poio dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, o portavoz do PP na localidade, Ángel Moldes, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase de dous camiños rurais xa existentes (camiño de Cruceiro e o de Piñeiro) nos que, grazas a estas obras, iniciadas fai uns días, estase a levar a cabo a mellora do firme que se atopaba moi deteriorado.

No caso do camiño de Cruceiro, estase a traballar sobre 646 metros de lonxitude, pavimentándose un ramal con formigón e o resto con aglomerado en quente.

En relación ao camiño de Piñeiro, que enlaza co anterior, a lonxitude da obra é de 202 metros. Nesta vía a pavimentación estase levando a cabo con aglomerado en quente de cinco centímetros e formigón. Tamén se leva a cabo o fresado parcial para manter a rasante, saneos, barrido, desbroce e limpeza das marxes dos mesmos.

En total, na execución da mellora destes dous viais, invístense 43.179,99 euros, dos cales, 35.678,50 foron subvencionados a través do Plan Marco pola Consellería de Medio Rural e do Mar.

“Sería interesante explicar tamén que, no global da provincia de Pontevedra destinaranse ao longo do presente ano para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

En concreto, para a comarca de Pontevedra, xunto a Marín e Bueu, o investimento previsto é de 503.942,39 euros o que permitirá executar traballos de recuperación de vías rurais de comunicación e acceso a fincas e explotacións. “En total, executaranse case 7,2 quilómetros de melloras nos camiños rurais da comarca pontevedresa”, explicou o delegado terriotrial.

José Manuel Cores Tourís fixo tamén mención aos investimentos realizados neste mesmo eido dende 2009 nesta comarca, basicamente destinadas á mellora da calidade de vida da poboación rural a través da reforma de camiños rurais de acceso a explotacións e parcelas por un importe de máis de 2,6 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Poio para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc.

20 de febreiro de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.