O operativo de limpeza intensiva de rúas en Vilagarcía desprázase esta semana a Sobradelo
Sobradelo é a próxima escala do operativo especial de limpeza de rúas que está a levar a cabo o Concello dende o pasado mes de novembro. A actuación dos operarios municipais e das máquinas e persoal de Cespa abarcará a área comprendida entre a desembocadura do Con, Valle Inclán e avenida de Cambados.
Despois da avanzadilla manual que realizarán os operarios dos servizos de Obras e Medio Ambiente do Concello a partir do luns, as máquinas comezarán a limpeza en profundidade o mércores, 5 de febreiro. Máquinas varredoras, de baldeo e de lavado de contedores de lixo poranse en marcha as sete da mañá na urbanización do Castriño e no tramo da avenida Valle Inclán comprendido entre a ponte do Con e a confluencia con Pablo Picasso. Ese mesmo día, pero a partir das 11 da mañá, as tarefas continuarán polo seguinte tramo de Valle Inclán, o que vai dende Pablo Picasso ata a praia de Canelas.
O xoves 6 o dispositivo encargarase dende primeira hora de limpar as rúas Armando Cotarelo Valledor, Benitiño e Miramar (na confluencia Ameixeiras con Armando Cotarelo). Nunha segunda fase actuarase sobre o tramo de números pares da Avenida de Cambados que vai dende a confluencia de Pablo Picasso con Ameixeiras. Seguirase por Vilaboa (confluencia avenida de Cambados con Rúa da Fonte), rúa Molinera (esquina coa avenida de Cambados), Rúa 10 e Pedras (confluencia con Rúa 1).
A campaña intensiva de limpeza de rúas desprazarase o venres á rúa Miramar (confluencia Avelina Nogueira con Ameixeiras), seguirá pola rúa Ameixeiras e rematará na Rúa 1. A segunda parte da mañá efectuarase a limpeza do lado de números impares do tramo da avenida de Cambados que vai dende Pablo Picasso a San Cibrán. Logo continuaranse os traballos pola Rúa Sobradelo (confluencia avenida de Cambados coa Igrexa) e rematarase en Veiga de Cima.
Para o correcto desenvolvemento dos traballos será preciso que os aparcamentos das zonas afectadas estean desocupados, polo que se pide aos veciños que colaboren na limpeza das rúas dos seus barrios deixando libres de vehículos os estacionamentos antes do inicio das labores de aseo.











