publicidade hoxe

O Concello do Grove recibe o informe previo á aprobación inicial do PXOM e o de adecuación do POL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO GrovePontevedra
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, vén de remitir esta mañá ao Concello do Grove o Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

No informe realizado polos técnicos da Secretaría Xeral, despois de analizar a totalidade da documentación presentada polo Concello do Grove o pasado mes de xaneiro, sinálase a necesidade de xustificar e aclarar diversas cuestións que presenta o documento.

O Concello do Grove, que conta con 11.241 habitantes e 7.791 vivendas (entre primeiras e segundas residencias) recolle no seu PXOM un crecemento demográfico ata 2025 de 1.800 novas vivendas. Neste sentido dende a Secretaría Xeral sinálase que no informe remitido non se cuestiona o modelo de planeamento que propón o concello, aínda que se solicita a necesidade de xustificar e aclarar ditas previsións, así como a corrección de erros de carácter documental e formais en cuestións puntuais da clasificación, cualificación e determinacións das clases de solo, normativa, e lexislación sectorial con incidencia no PXOM.

Tamén se recomenda axustar a clasificación dos sectores de solo, xa que no que respecta aos núcleos rurais as delimitacións supéranse nalgúns ámbitos, ocupando solos que deben ser obxecto de especial proteccións polas súas características naturais, formando conxuntos indiferenciados que deberán revisarse.

No informe tamén se solicita completar e corrixir varios puntos da documentación facilitada e advírtese de posibles erros de grafismo do solo rústico especialmente protexido para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico.

Adecuación ao POL

Finalmente o informe emitido pola Secretaría Xeral tamén analiza a adecuación do documento de planeamento ao Plan de Ordenación do Litoral, (POL). Neste senso cabe destacar que a práctica totalidade do termo municipal do Grove está incluído nas áreas de protección intermareal, costeira e mellora ambiental e paisaxística do POL, sendo nesta última na que se sitúan todos os desenvolvementos urbanísticos propostos.

Neste senso a gran maioría dos ámbitos de solo urbano non consolidado poden entenderse como completamento da trama urbana existente polo que, segundo o artigo 64 da normativa do POL, resultan admisibles na área de mellora ambiental e paisaxística.

Todos os solos urbanizables previstos polo PXOM teñen a consideración de delimitados e están incluídos na área de mellora ambiental e paisaxística. Considéranse compatibles na súa gran maioría cos criterios do POL por ter como obxecto o completamento da trama urbana.

Vindeiros pasos

Unha vez incorporados os axustes requiridos no IPAI, o concello procedera á aprobación inicial do PXOM no pleno. Simultaneamente expoñerase ao publico (2 meses) para a presentación de alegacións e recadaranse os respectivos informes sectoriais. Analizaranse as alegacións e as que se consideren incorporaranse ao documento, así como as resultas dos informes sectoriais. Finalmente, o concello aprobará provisionalmente en pleno o documento e remitirao á Xunta para aprobación definitiva.

Na actualidade, o Concello de do Grove réxese por una Ordenación Urbanística Provisional vixente dende 2002 ata a entrada en vigor dun novo planeamento. Dende novembro de 2009, data do contrato do novo Plan Xeral, o Concello está a revisar o documento que conta cunha axuda da Xunta que ascende a 216.000 euros.

14 de febreiro de 2014 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.