O Museo de Pontevedra inicia un programa de tres rutas guiadas para visitantes
O Museo de Pontevedra pon de novo en marcha as tres rutas do Museo, unha proposta para achegarse á súa historia e ás súas coleccións durante todos os venres, sábados e domingos, a partir do 7 de febreiro ata o 1 de xuño. Serán tres rutas de visitas guiadas, que se realizarán en grupos dun mínimo 5 persoas e un máximo de 25.
Poderán inscribirse todos os interesados a través da dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou ben chamando ó número de teléfono 986 804 100.
Rutas dispoñibles:
– Ven ó Sarmiento! Todos os venres a partir das 18:00 horas, con punto de encontro no Sexto Edificio. Nesta visita farase un percorrido guiado polo Edificio Sarmiento a través da súa historia, a súa arquitectura e os fondos que nel se expoñen.
– A Ruta do Museo. Os sábados, ás 11:30 horas, cunha duración de dúas horas, excepto o 17 de maio. Pretende achegar a historia dos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e as principais coleccións que custodia. Punto de encontro: Ruínas de San Domingos.
– Achégate ó Sexto! Os domingos, ás 11:30 horas, con punto de encontro no Sexto Edificio. Farase unha visita guiada por este como unha primeira toma de contacto coa súa arquitectura e as súas coleccións.
“Entre dos tiempos”, de Carmen Novo
Este xoves o Museo acolle a presentación da novela “Entre dos tiempos”, de Carmen Novo Colldefors. No acto participará a autora, o maxistrado Manuel Almenar Belenguer, o editor do libro, José Membrive, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
A obra de Carmen Novo é unha novela de intriga que mostra os problemas e dificultades das relacións persoais a partir dos contactos dunha muller divorciada cando volve a unha casa dos seus antepasados en Mondoñedo (Lugo) e descobre cousas sucedidas no pasado que inflúen no presente e que dan lugar a situacións comprometidas e inesperadas. A novela é unha reflexión sobre temas coma o amor, o funcionamento das parellas, o uso e as consecuencias da mentira ou da verdade descarnada nas relacións, etc.
A mostra “Galicia, terra de músicos”
O venres 7 o Museo inaugurará tamén a exposición “Galicia, terra de músicos. A recuperación do noso patrimonio”, que recolle unha escolma selecta das imaxes, partituras, instrumentos, documentos, fotos e testemuños escritos e sonoros que se recollen no “Proxecto virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego, séculos XIX e XX”.
A exposición permanecerá no Museo desde o 7 de febreiro ata o 16 de marzo de 2014.











