O Museo de Pontevedra acolle a presentación do libro “Un amigo así”, de Martín Casariego
Unha historia de amizade, cos seus segredos, na que se cruzan outros elementos coma o alpinismo, a importancia da lectura na vida das persoas ou o xornalismo, é o centro da novela Un amigo así, que o seu autor, Martín Casariego, presentará este venres 21 de febreiro, ás 20:00 horas, no salón de actos do Sexto Edificio.
O acto forma parte do ciclo En paralelo: Noites de literatura e cine, no que o Museo de Pontevedra une, desde hai xa varios anos, dúas actividades culturais de gran relevancia na sociedade actual, xuntando as reflexións dun escritor coa proxección dunha película relacionada con algún aspecto da súa obra.
Neste caso, a intervención de Martín Casariego, coa presentación da súa última novela, completarase coa proxección do filme Límite Vertical, dirixido por Martin Campbell no ano 2000.
Trátase dunha película na que, ó igual que na novela de Casariego, o alpinismo ten un gran protagonismo.
Escritor e guionista
Martín Casariego (Madrid, 1962) destaca tanto pola súa faceta de escritor coma de guionista de cine.
Licenciado en Historia da Arte, deuse a coñecer no mundo da literatura coa obra Qué te voy a contar, coa que acadou o Premio Tigre Juan á mellor opera prima en 1989.
Entre as súas novelas figuran Mi precio es ninguno (1996), La hija del coronel (Premio de Novela Ateneo de Sevilla, 1997), La primavera corta, el largo invierno (1999), La jauría y la niebla (II Premio Logroño de Novela, 2008) ou libros xuvenís coma Y decirte alguna estupidez, por ejemplo, te quiero (1995), Qué poca prisa se da el amor (1997) ou Por el camino de Ulectra, este último gañador do IV Premio Anaya de Literatura Infantil y Juvenil.
Na súa faceta de guionista participou en Amo tu cama rica (1991), La Fuente Amarilla (1999) ou Días azules (2006).











