O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá unha conversa con Miguelanxo Prado sobre a súa obra
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausura a programación conmemorativa do primeiro Día da Ilustración en Galicia cunha actividade que terá como protagonista a Miguelanxo Prado. O gañador do Premio Nacional de Cómic 2013 falará sobre a súa obra e a situación actual da ilustración mañá, 7 de febreiro, ás 20:00 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña. Farao no marco dunha conversa conducida polo xornalista Xesús Fraga, no que o público tamén terá ocasión de interactuar co artista e coñecer de preto o seu universo creativo.
Con esta actividade complétase a programación especial promovida pola Consellería de Cultura e Educación para conmemorar o Día da Ilustración, que botou a andar o pasado 30 de xaneiro e que se levou a cabo nas bibliotecas nodais das catro provincias galegas, así como tamén na Biblioteca de Galicia.
Obradoiros de ilustración con recoñecidos artistas galegos, como Óscar Villán e Xosé Tomás; actividades para estimular a creatividade e a imaxinación, un obradoiro de gravado e estampación, e mostras bibliográficas sobre a obra de ilustradoras e ilustradores galegos centraron as propostas para conmemorar esta data, dirixidas a toda a cidadanía, especialmente aos máis novos.
Tampouco faltaron os espazos para a reflexión. Coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a Consellería programou na biblioteca nodal Antonio Odriozola de Pontevedra o faladoiro ‘A ilustración gráfica hoxe en Galicia’, no que os ilustradores Marina Seoane, Almudena Aparicio, Manuel Uhía e Henrique Torreiro abordaron a forma de traballar dos profesionais da ilustración, dos retos aos que se enfrontan na actualidade e das perspectivas de futuro que se abriron nos últimos anos.
Poñer en valor o sector galego da ilustración
O Día da Ilustración, creado pola Xunta de Galicia para poñer en valor a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para recoñecer o labor do sector galego da ilustración, é unha das datas que se inclúe no Calendario do Libro e da Lectura 2014, co que a Consellería convida a celebrar e a planificar actividades arredor das datas máis sinaladas do libro e da lectura.
O cartel do Día da Ilustración en Galicia, deseñado por Miguelanxo Prado, pode descargarse na web cultura.xunta.es











