O Mercado Local Xusto reivindica as posibilidades do rural en San Sadurniño
A edición de Entroido do Mercado local ratificou este domingo o éxito desta iniciativa impulsada polo Concello tanto polo número de expositores como pola asistencia de público. O vento non desluciu unha mañá de sol tímido e boa temperatura na que se botou en falta algo máis de oferta en produto de horta por mor do mal tempo das últimas semanas. Como novidade o MLX incorporou unha charla impartida pola Cooperativa A Xoaniña sobre as posibilidades da agricultura e a gandaría sustentables. A entidade destacou que se está dando un cambio de tendencia na relación entre produtores e consumidores, que buscan vías de intercambio máis próximas e directas. Ademais, A Xoaniña pediu xente que teña terra e disposición para traballala de cara a integrarse no seu proxecto e atender así un mercado que vai en aumento na comarca.
Xan Martínez, membro do consello da cooperativa, explicou na charla que A Xoaniña é unha entidade que agrupa nestes momentos máis 200 socios consumidores que demandan produtos de calidade e que, ademais, están comncienciados coa sustentabilidade e a responsabilidade social. A cooperativa abastécese de explotacións da zona e tamén traballando con outros proxectos similares do resto de Galicia e do Estado.
Porén, con 4.000 referenzas no seu catálogo de produtos -que se venden por internet e na tenda que teñen aberta en Ferrol-, a cooperativa acusa en certos momentos a falla de produtos, especialmente nos cultivos de temporada. Unha baixa na oferta que se podería compensar axeitando a produción á demanda de cada época e ampliando o número de explotacións participantes.
A Xoaniña precisa produtos e hai xente con terra que, se cadra, precisa traballo ou unha forma de complementar a economía familiar. Por esta razón os responsables da cooperativa lanzaron na casa da Cultura un convite para incrementar a base produtiva coa que surtir as cestas da compra dun público maiormente urbano e de bo poder adquisitivo. A través da web da cooperativa pode obterse máis información e mesmo solicitar que nos chamen e saber así de que maneira podemos participar nun proxecto que funciona baixo os criterios da calidade, a cercanía ao consumidor e a sustentabilidade social.
Éxito de público e de expositores no mercado
Mentres a casa da Cultura acollía a charla sobre as posibilidades da horta na comarca, no exterior empezaba a moverse o ambiente do III Mercado Local Xusto de San Sadurniño. Desta vez había 130 postos inscritos dos que só fallaron dous. A maioría deles volveron ser expositores de artesanía e artigos de segunda man, distribuídos pola praza do Concello, a parte dianteira do centro de Saúde e o aparcadoiro do cemiterio.
Desta vez resentiuse a venda de produtos frescos da terra debido -segundo comentaba algún expositor- ao mal tempo que fixo nas últimas semanas e a que os cultivos ao aire libre están aínda no parón do inverno. Con todo, no mercado houbo planta, árbores en cepellón, algo de froita, queixo, embutidos, pan, mel, viño, sidra e outros elaborados que, aínda estando a finais de mes, tiveron boa saída.
O mercado cadrou coa feira de Moeche e foron moitos os que ben á ida ou ben á volta fixeron unha parada en San Sadurniño para percorrer os postos. A maior afluencia de visitantes produciuse entre as 12.30 e as 14.00 horas. A concellaría de Participación veciñal estima que o encontro rexistrou unha cifra de asistentes semellante á da edición do outono.











