O IGC achega a campaña “Dálle luz á túa factura” aos consumidores de Lugo
O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá martes unha charla informativa en Lugo para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.
No encontro, que se celebrará a partir das 19 horas na sede de Conumar (Asociación de Consumidores e Usuarios en Marcha), na rúa Músico Falla, 20-21, presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando a potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.
Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.











