O goberno vilagarcián levará a ordenanza de praias ao pleno de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vintedous días despois de que o borrador da Ordenanza reguladora do uso das praias fose entregado á posición, e logo das críticas vertidas, a día de hoxe ningún dos tres grupos presentou achega ou alternativa algunha para incluír no texto. O goberno elevará ao Pleno de febreiro o texto para a súa aprobación inicial, anuncio que a voceira do grupo popular, Rocío Llovo, fai coa antelación suficiente para que a medida “non colla á oposición desprevida e cos deberes sen facer, pese a que xa se lles dixo o mes pasado”. “Teñen dúas semanas por diante para traballar, se é que están pola labor, as posibles melloras a incluír no texto”, apuntou.

A voceira do goberno local presentou o pasado 13 de xaneiro a proposta de ordenanza elaborada polo goberno local para regular o uso das praias do municipio co obxecto de buscar o consenso coa oposición. Con este xesto o executivo de Fole tomaba a iniciativa para dar cumprimento o ao acordo plenario adoptado en xuño por unanimidade a proposta dunha moción do PSOE, e no que tamén se encomendara ao grupo socialista a elaboración dun borrador que non chegou a presentarse.

Llovo del Río considera unha incongruencia dos membros da oposición que estean continuamente denunciando falta de diálogo e que, cando as cousas se lle presentan en tempo e forma suficiente para que as poidan estudar e traballar, sexan eles os que non fagan propostas ou alternativas co tempo suficiente para que poidan ser analizadas, debatidas e consensuadas antes de que cheguen ao Pleno. A edil popular espera que, polo menos o PSOE, promotor da moción para regular o uso das praias, presente o texto alternativo no que a súa voceira dixo hai semanas que estaba traballando, e confía tamén que o presente con tempo suficiente para poder traballalo conxuntamente.

O borrador da Ordenanza reguladora do uso das praias do municipio elaborado polo goberno local fixa, entre outras cuestións, aspectos como as normas a seguir nas zonas de recreo, a prohibición de levar animais ao areal en época de baño ou de tirar cabichas e restos de comestibles á area, así como as medidas de hixiene e de convivencia que debe ter en conta todo usuario. O regulamento é equiparable aos existentes noutros concellos con litoral de Galicia e España e polo incumprimento destas normas prevé sancións que van dende os 60 aos 3.000 euros.

4 de febreiro de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.