O goberno ourensán confirma aos axentes sociais que seguirá adiante co Plan de Emprego
O Concello de Ourense seguirá adiante co Plan de Emprego acordado cos axentes económicos e sociais. Así llo confirmaron o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Promoción Económica, José Ángel Vázquez Barquero aos responsables de UXT, CC OO e CIG, nunha xuntanza mantida esta mañá na Alcaldía. O goberno municipal avanzou que presentará o Plan de Emprego a aprobación por parte do Pleno do Concello no próximo mes de marzo.
O documento, que suporá un investimento de 3 millóns de euros, inclúe catro claves de acción coa finalidade de promover a creación de emprego na cidade. Participaron na súa elaboración os catro grupos con representación municipal, os sindicatos UGT, CC OO e CIG, Confederación Empresarial de Ourense, asociación de autónomos e Universidade de Vigo.
As liñas principais son catro:
1.Apoio á contratación, consistente en medidas para favorecer a creación do emprego estable, con dúas directrices:
a) axudas municipais para a contratación, incrementadas en función das que inclúan a determinados colectivos, como parados de longa duración, persoas con discapacidade, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social, ou empresas pertencentes a sectores estratéxicos para a cidade, entre outros.
b) programas de obradoiros de emprego: configurados como un programa mixto de emprego e formación dirixido a desempregados pertencentes a colectivos con especiais dificultades. Estes proxectos serán desenvoltos a través de convenios de colaboración con entidades sen ánimo de lucro. A dotación orzamentaria de cada unha destas liñas é de 500.000 euros.
2. Fomento da creación e mantemento de tecido económico: mecanismos de apoio á creación e mantemento de tecido económico, aportando liquidez a pemes e autónomos, con especial atención nos sectores estratéxicos da cidade. Executaríase, por unha banda, a través dunha caixa de financiamento local, dotada con 1,5 millóns de euros; e a través de axudas a proxectos innovadores ou de base tecnolóxica, mediante un concurso de ideas no que serían seleccionados 10 proxectos. A dotación desta medida sería de 300.000 euros.
3. Dinamización do comercio local: axudas e medidas para a dinamización das prazas de abastos da cidade, dotadas con 100.000 euros; e axudas e medidas para facilitar o acceso a locais en galerías comerciais por parte de empresarios e/ou autónomos, dotadas con 100.000 euros.
4. Outras liñas de actuación: creación dun observatorio local de emprego, para a recollida e análise de información sobre o mercado de traballo no Concello; redefinición dos recursos municipais orientados a promoción económica e emprego: o centro de iniciativas empresariais, o centro de novas tecnoloxías e o centro de coñecemento. A idea é adaptalos ás necesidades reais das empresas, complementado coa realización dun inventario e posta en común da totalidade de recursos de formación, promoción, emprego e desenvolvemento local de interese para cada un dos colectivos.











