O goberno ferrolán abre unha nova etapa no plan de reactivación comercial en Ferrol Vello, A Magdalena e Canido
O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou esta mañá os avances no Proxecto de Reactivación Comercial da Zona Urban para activar con novos negocios os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido, a través da captación e implantación efectiva de establecementos comerciais, hostaleiros e de outras actividades empresariais adecuadas a estes espazos urbanos. O edil estivo acompañado pola concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros, e por responsables da firma “Auren Consultores BIO S.A.”, adxudicataria desta proposta que a Administración ferrolá financiará con cargo aos fondos europeos do Plan Urban.
Langtry Caínzos lembrou os datos obtidos no análise de investigación de mercado realizado na primeira fase do proxecto. Este estudo, destacou cifras como que o centro urbano comercial ferrolán posúe unha área de influenza comercial duns 207.000 habitantes, dos cales 92.500 son consumidores potenciais, así como que a estrutura empresarial ten censados preto de 800 puntos de actividades, dos que 384 corresponden a comercios e os restantes a servizos. No caso da dispoñibilidade de espazo comercial, son máis de 200 os locais dispoñibles nos principais eixes comerciais. Trala primeira fase de investigación de mercado, realizouse unha orientación comercial por zonas “que detecta e apunta as posibilidades de negocio por tipo de actividade empresarial”, explicou Alejandro Langtry. Ao fío disto, o resultado de diferentes análises aposta polo comercio de proximidade no barrio de Canido, restauración e comercio vinculado ao turismo en Ferrol Vello, mentres que no barrio da Magdalena se realiza unha sectorización espacial orientativa para o desenvolvemento dunha especialización comercial por zonas (alimentación, equipamento persoal, equipamento do fogar, comercio especializado, servizos persoais e profesionais, hostalería, restauración e ocio, e comercio de proximidade e turístico). O concelleiro de Economía sinalou que este banco de ideas e oportunidades de negocio se dará a coñecer a potenciais inversores e emprendedores xunto á dispoñibilidade de locais comerciais para implantación de novas actividades na zona.
“Actívate no centro”
O sistema de comercialización baséase na rede de prescriptores coordinados, integrada por diferentes asociacións empresariais, sectoriais e multinacionais, e institucións privadas, que capten ou estimulen a demanda de inversores e emprendedores para a súa ubicación na Zona Urban de Ferrol. Neste senso, o edil ferrolá avanzou que o vindeiro venres serán asinados os convenios de colaboración coas entidades que integran esta rede de prescriptores e que traballarán de forma coordinada co Concello de Ferrol. Entre os prescriptores están a Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, o CCA Ferrol A Magdalena e a Confederación de Empresaios de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Esta segunda fase tamén inclúe a realización de varias accións de difusión e captación. Este material de promoción será realizado “on line” a través da posta en marcha da páxina web Actívate no centro con datos de orientación comercial ou locais dispoñibles, un blog e presenza en redes sociais. O novo portal web será inaugurado o vindeiro venres e estará ubicado na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es. En canto aos recursos “off line”, se distribuirá un dossier de comercialización con información comercial do centro urbano ferrolán, que estará apoiado por accións de comunicación en medios e xornadas informativas, e presenza en feiras e encontros. Así mesmo, as accións de difusión “off line” tamén incluirán a identificación de locais dispoñibles in situ coa colocación de pegatinas identificativas.
A bolsa común de locais dispoñibles contará coa colaboración da Asociación de Profesionais Inmobiliarios, así como de aquelas inmobiliarias ferrolás interesadas, que aportarán á plataforma web os inmobles que teñan dispoñibles na Zona Urban. Todo isto, estará acompañado por accións de comunicación de medios e xornadas de mentalización a diferentes colectivos, captación de enseñas de prestixio, presenza e celebración de eventos, así como encontros de emprendedores en colaboración cos prescritores. Langtry Caínzos salientou que o Proxecto de Reactivación Comercial da Zona Urban “pretende potenciar a estrutura empresarial dos barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena prestando especial interese á ocupación dos numerosos locais actualmente inactivos, co fin de desenvolver e consolidar a actual estrutura empresarial do centro da cidade”.











