O goberno de Ribadumia destina 50.000 euros á ampliación da rede de saneamento en Puentearnelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia prosegue as actuacións para cumprir o compromiso adquirido pola alcaldesa Salomé Peña cos veciños do municipio e que a rede de saneamento e de auga chegue a todos os fogares do municipio.

Neste caso as obras estanse levando a cabo no lugar de Puentearnelas, onde se destinan 51.881,50 euros para dotar deste servizo básico ás vivendas e resolver así o problema das augas residuais.

A execución deste proxecto está financiada con fondos propios do Concello e adxudicada á empresa COVSA. As obras consisten en instalar tubaxes de PVC e os pozos de bombeo necesarios pola diferenza de cota para posteriormente repoñer o pavimento.

A conexión á rede desta zona quedara pendente por problemas de desniveis e por atoparse moi afastada do núcleo de poboación máis próximo, o que implica un investimento mais alto para dar servizo a cada unha das vivendas.

Este tipo de actuacións veñen a confirmar que se irá dando solución a estes casos pouco a pouco quedando claro o compromiso e o esforzo en investimentos do Goberno de Ribadumia para dotar destes servizos básicos aos fogares do municipio.

11 de febreiro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.