O goberno de Ferrol inicia a contratación das obras de pavimentación de varias rúas da cidade
O Goberno Municipal de Ferrol avanzou hoxe nun proxecto moi demandado polos veciños de San Xoán e que responde a un compromiso do alcalde Jose Manuel Rey Varela cunha zona da cidade que presenta un elevado grao de abandono debido ao nulo mantemento : a mellora das rúas Herbosa, Fontemoura e Río Xubia. Así as cousas, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto para a pavimentación destes tres viarios e o inicio do procedemento de contratación para a materialización das obras. O importe de licitación dos traballos ascende a un total de 88.879,72 euros (21% de IVE engadido) –contía que se sufragará con fondos propios da Administración ferrolá- e o prazo de execución dos mesmos establécese en tres meses contados dende o día seguinte ó da sinatura da acta de comprobación de replanteo e de inicio das obras.
O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, sinalou que nas rúas Río Xubia, Herbosa e Fontemoura “cómpre fácer, como xa temos dito en varias ocasións, unha actuación global de pavimentación posto que non é suficiente coas intervencións puntuais de rebacheo debido ao lamentable estado que presentan estes viarios consecuencia dunha total falta de mantemento”. O edil ferrolán lembrou que dende o Concello de Ferrol, e a través do Plan de Barrios, reparáronse fochancas nestes viarios como medida de urxencia, sendo conscientes que a solución pasa por un proxecto amplo de pavimentación, que é o que hoxe sacou a licitación o Goberno Municipal. Neste sentido, Carro Muñoz avanzou que a mellora destas tres rúas de San Xoán, que agora é posible despois de terse acreditada a titularidade pública do contorno afectado polo proxecto, contempla non só a reposición do pavimento senón tamén a dotación de beirarrúas nalgúns tramos.











