O goberno de Ferrol abona en prazo legal o 60% das facturas de provedores e subministradores
O Concello de Ferrol paga no prazo legal o 60& das facturas emitidas por provedores e subministradores por servizos realizados á Administración local. Este é o dato principal do informe da Tesourería Municipal sobre o cumprimento de prazos da lei 15/2010 de abonamento de facturas correspondente ao cuarto trimestre de 2013, e do que deu conta en comisión informativa o concelleiro responsable da Área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos.
Ao respecto, Langtry Caínzos destacou o elevado nivel de cumprimento no abono de facturas no período legal rexistrado no último cuadrimestre do pasado exercicio, época do ano en que se rexistra unha maior actividade no departamento de Tesourería debido ao peche da anualidade contable. O devandito período legal, segundo recolle a lei, é de 60 días: 30 días dende a entrada no Rexistro Xeral para o recoñecemento das obrigas e 30 días máis para o pago efectivo da factura.
Así as cousas, nos últimos catro meses de 2013 o período medio de pago ascendeu a 69 días, se ben das 1.082 facturas pagadas neste cuadrimestre unicamente o 39,55% (429 facturas) foron abonadas fóra de prazo. Hai que subliñar que, en relación cos datos correspondentes entre os meses de xullo e setembro de 2013, o período medio de pago aumentou en 8 días, o que obedece ao incremento na actividade de Tesourería cada final de exercicio para pechar as contas.











