O goberno de Cangas presenta o borrador do prego de condicións para a adxudicación do servizo integral do ciclo da auga
O Concello de Cangas continúa avanzando na preparación dos pregos técnicos e administrativos para sacar a concurso o contrato do servizo integral do Ciclo da Auga. O último paso foi o realizado este venres coa presentación aos partidos da oposición do borrador dos pregos técnicos e administrativos así como do correspondente regulamento. O alcalde de Cangas José Enrique Sotelo sinalou que este documento “será susceptible de modificacións e corrección xa que é o punto de partida para consensuar un documento co todas as formacións políticas municipais” afirmou. Neste senso sinalou que o próximo xoves terá lugar a primeira das reunións co representantes de todas as forzas políticas co obxectivo de lograr un documento que conte co maior apoio posible.
Pola súa banda o concelleiro de Medio Ambiente Jesús Graña sinala que “o máis importante deste proceso é unificar os servizos de saneamento, abastecemento e depuración nun só xestor” declara, “co obxectivo de evitar problemas do servizo, de impagos, vertidos ou acadar unha mellor coordinación” engade. Nesta liña o goberno local amosan a súa vontade de realizar todo o proceso de saída de concurso e adxudicación con absoluta transparencia, “exemplo deste esforzo é que xa temos colgado na páxina web do Concello o borrador para que poda ser consultado por todos os cangueses e canguesas” destaca o edil.
Graña afirma que o borrador recolle aspectos tan importantes como a adecuación do servizo á normativa comunitaria marcada pola Directiva Marco da Auga que establece a facturación por consumo de auga en non por consumo mínimo como se viña facendo na actualidade, “o que suporá un aforro na factura final para o 52% dos aboados” afirma, “primando o consumo responsable da auga” remata o concelleiro. Por outra banda o documento recolle que os incrementos anuais nunca poderán superar o 1,7%, para o cal a concesionaria deberá demostrar un desequilibrio financeiro.
Outras das obrigas da nova concesionaria será asumir a responsabilidade ante posibles sancións por vertidos e debera xestionar os mananciais municipais e fontes públicas correndo da súa conta os controis de calidade e analíticas, “un dos obxectivos deste proceso é unha modernización global instalacións e a xestión de toda a rede.
O responsable de Medio Ambiente tamén expresou a súa vontade completar o borrador con novas achegas como que o número de teléfono de atención ao cliente da empresa concesionaria sexa un 900, “para que sexa totalmente gratuíto” aclara.
En cifras
A presentación deste borrador por parte do goberno local é un paso máis no obxectivo do goberno local de sacar a concurso para os próximos 25 anos da explotación integral do ciclo da auga, xa que o contrato das actuais concesionarias finalizan este ano. O documento establece unha serie de compromisos por parte da empresa nova concesionaria entre os que destacan a mellora e modernización das infraestruturas de abastecemento e saneamento do concello así como das instalacións depuradoras das augas fecais. Ademais recolle a obriga de executar por parte do concesionario de inversións por valor de 3,5 millóns de euros na rede de abastecemento, saneamento e no sistema de depuración, dos cales 540.000 euros estarían comprometidos ao comezo da explotación e outros 2.600.000 euros nos primeiros dous anos.
En canto as condicións económicas destaca o pago dun canón dun mínimo de 800.000 euros por parte da empresa licitadora. A oferta económica puntuará un 60% da valoración sendo o restante todo o relacionado cos aspectos técnicos recollendo un serie de posibles melloras de servizo que se terán e conta a hora de puntuar a distintas propostas.
Entre os criterios técnicos valorarase aspectos como o persoal e medios para a prestación do servizo que son aspectos determinantes na calidade do mesmo. Tamén o establecemento de Plans de Conservación e Explotación, Controis de Calidade así como de Control de Verteduras, entre outros que afondan na valoración da calidade na prestación do servizo ademais de ter en conta a eficiencia na utilización do recursos propios por parte do concesionario atendendo circunstancias como a reparación de fugas que están situadas en torno a un 30% no conxunto da rede. Neste senso cabe salientar que o prego incide en incentivar as inversións por parte da empresa concesionaria en toda a rede do ciclo da auga. Hai que destacar que o municipio conta con 42 quilómetros de condutos, a EDAR, seis depósitos e 93 fontes públicas. Outra das actuacións recomendadas sería a separación das augas pluviais das fecais para evitar a saturación da depuradora e mellorar a súa eficiencia.











