O goberno de Caballero nega contar con información sobre os rexistros “que poida ser de interese” para a Corporación

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
E.P.

O goberno municipal de Vigo negou este luns ter algunha información “que poida ser de interese” para a Corporación sobre os rexistros efectuados no consistorio no marco da ‘Operación Patos’, que investiga a comisión de supostos delitos de suborno, tráfico de influencias e prevaricación, en relación coa adxudicación de contratos públicos.

Ao finalizar a sesión ordinaria do pleno, a portavoz do BNG, Iolanda Veloso, formulou dúas preguntas relativas a eses rexistros realizados pola Policía Xudicial nos departamentos de Vías e Obras, Limpeza, e Parques e Xardíns, nos que os axentes reclamaron documentación relacionada coas empresas Cespa e a construtora Eiriña.

Por unha banda, a edila nacionalista, en nome do seu grupo, preguntou “que expedientes ou actuacións foron requiridas por parte da Policía”. Tamén formulou unha segunda cuestión, sobre si o alcalde ou o goberno teñen “algunha información sobre o asunto que poida ser de interese para os membros da Corporación”.

O encargado de responder a estas preguntas foi o portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, quen, sobre a primeira cuestión, convidou ao BNG a formular a súa pregunta “á Xustiza”. “Sobre a segunda pregunta, a resposta é non”, sentenciou.

O portavoz do PSOE non foi máis explícito que o alcalde, Abel Caballero, sobre a ‘Operación Patos’ e a súa posible vinculación co Concello olívico. A pesar das reiteradas preguntas dos xornalistas, o rexedor limitouse a repetir varias veces o mesmo: que haberá máxima transparencia e cooperación” na investigación.

24 de febreiro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.