O goberno de Ames investiu 115.000 euros no Centro de Formación e Emprego para posibilitar a súa homologación
O Concello de Ames destinou durante os dous últimos anos un total de 115.655 euros en investimentos para o Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, que comezou o seu funcionamento en xaneiro de 2013. Este investimento, procedente de fondos municipais e de subvencións, posibilitou o acondicionamento, posta en marcha e homologación deste centro. Esta cifra súmase aos 460.220 euros do Fondo Estatal para el Empleo y la Sostenibilidad Local do Goberno central que supuxo nos anos 2010 e 2011 a construción do centro, que, pese a ese alto investimento, carecía de mobiliario, conexións eléctricas, calefacción, voz e datos ou aparcamento.
Ante esta situación, o Goberno amiense tivo que realizar un importante esforzo e investimento para dotar ao centro de todos os elementos necesarios para que se puidesen impartir especialidades nas súas aulas e talleres. Deste xeito, durante o 2012 destináronse máis de 40.209 euros á dotación de mobiliario, seguridade, material eléctrico, alta da acometida de gas, taquillas, acceso á terraza, dotación de seguridade, infraestrutura de voz e datos.
No seguinte ano, o 2013, e de cara á súa posta en marcha o Concello de Ames destinou ao Centro de Formación e Emprego un total de 75.444 euros. Neste total, inclúese a dotación dun aparcamento para o centro, obras nos diferentes talleres, conexión coa central de alarmas ou a instalación do vaso de expansión da calefacción.
O investimento de máis de 115.600 euros no acondicionamento e dotación do centro permitiu a súa homologación por parte da Consellería de Traballo para a impartición de diferentes especialidades. Así, o centro recibiu a acreditación para impartir certificados de profesionalidade de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión. A previsión coa que traballa o Concello é solicitar nos próximos meses máis acreditacións que permitan ofrecer máis especialidades.
Formación impartida
O Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames púxose en marcha en xaneiro de 2013 e dende ese momento acolleu unha importante aposta pola formación para o emprego e o emprendemento. Deste xeito, entre xaneiro e xuño un total de 34 persoas desempregadas participaron no obradoiro de emprego Encontro Verde, realizado en colaboración co Concello de Brión.
Ademais, actualmente 18 persoas participan nas accións formativas específicas do programa Rede Xiana 2 para a obtención de certificados de profesionalidade, que se puxo en marcha en colaboración coa Deputación da Coruña e que continuará no vindeiro ano.
Por último, no mes de novembro iniciáronse as xornadas formativas dos cursos de formación que se están impartindo no marco do programa integrado para o emprego InserAmes Brión para este ano 2013. Neste programa participan un total de 80 persoas desempregadas, das que 11 xa lograron a inserción laboral e 30 xa están realizando prácticas en empresas.











