O goberno da Laracha proporá ao pleno bonificar co 75% do icio á obra da escola infantil
No Concello da Laracha celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación on vindeiro día 10 de marzo á que se elevarán determinados asuntos que nos próximos días serán tratados polas diferentes Comisións Informativas.
Unha das cuestións máis relevantes será a proposta do goberno local de bonificar cun setenta e cinco por cento no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) ao proxecto de ampliación da escola infantil da Laracha, actuación que será cofinanciada pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Para aplicar a rebaixa neste imposto municipal, e tal e como establece a ordenanza fiscal municipal, o Pleno deberá aprobar a declaración de especial interese ou utilidade desta actuación, que comezará a executarse nos próximos días e que posibilitará dotar á instalación con 41 novas prazas para un total de 115 usuarios. O investimento da obra sitúase en torno aos 360.000 euros.
Modificación regulamento SAF
A Corporación tamén votará a proposta de modificación do regulamento municipal do servizo de axuda no fogar (SAF) para adaptalo ao decreto 149/2013 que define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
Liquidación exercicio económico 2013
Entre os asuntos que se elevarán á sesión plenaria cabe salientar, ademais, a dación de conta da liquidación do exercicio económico do ano 2013 que, como se anunciou recentemente, supuxo a redución da débeda viva nun setenta e cinco por cento e deixa un remanente de 163.400 euros. O curso pechouse en 7.213.039,39 euros, un dez por cento máis que o presupostado inicialmente.











