O goberno coruñés adxudica a redacción dos proxectos de accesibilidade en Capitán Troncoso e Maxistrado Manuel Artime

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello continúa co seu compromiso co Plan de Accesibilidade coa adxudicación da redacción de dous proxectos que saíron elixidos do concurso de ideas. En concreto, trátase das propostas para mellorar a mobilidade peonil na rúa Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e en Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.

O Concello da Coruña adxudicou por un importe total de 20.000 euros a redacción dos dous proxectos e a dirección e coordinación de seguridade e saúde das obras posteriores de ambas as iniciativas da área de Infraestruturas (10.500 euros para o proxecto de Capitán Troncoso con Xeneral Alesón; e 9.500 euros para Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez).

O Executivo municipal convocou o concurso de ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña: Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo; Marqués de Cerralbo; Capitán Troncoso con Xeneral Alesón; Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez; e Mestre Cravei.

Para cálea Capitán Troncoso, o xurado do concurso -o Concello contou coa colaboración dos colexios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Industriais- deu o primeiro premio a unha proposta consistente na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Ademais, expón a construción dunha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en xeral Alesón instálase un elemento de vidro curvo.

No caso de Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez, o proxecto gañador propón a instalación dun ascensor para solucionar o problema de accesibilidade. Consiste nunha torre para o ascensor, unha ponte e unha escaleira, todo en formigón; unha solución sinxela cuxa proposta de execución minimiza o tempo no que non se pode acceder entre as cotas existentes.

O Concello tamén acaba de adxudicar a redacción do proxecto do concurso de ideas para Mestre Cravei, onde a proposta gañadora consiste na instalación de escaleiras mecánicas. A posterior obra, que se licitará en marzo, contará cun investimento que roldará o millón de euros. Baixo o título Escaleira mecánica universal, o proxecto gañador do concurso de ideas propón a instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos.

A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Estas escaleiras, segundo o proxecto gañador, pódense utilizar tanto para subir como para baixar.

18 de febreiro de 2014 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.