O Foro de Igualdade de Lugo acorda solicitar ao Tribunal Constitucional a paralización da lei do aborto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, informou dos asuntos tratados durante o Foro de Igualdade do Concello de Lugo celebrado esta mañá e no que están representadas todas os grupos políticos e as entidades sociais da cidade.

O Foro de Igualdade acordou por unanimidade presentar un escrito ante o Tribunal Constitucional e ante o Goberno central para manifestar a repulsa ante a nova Lei do aborto e a Lei de Reforma local que “diminúen, aínda máis, os dereitos das mulleres e dos cidadáns en xeral” segundo informou González Abelleira. O fin deste escrito é a derogación de ambas leis que tanto afectan aos dereitos dos cidadáns.

A responsable de Benestar Social tamén informou que se recolleron ideas para a celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, “día no que queremos reivindicar os dereitos adquiridos con moito traballo e despois de moitos anos e que este Goberno do Partido Popular está empeñado en eliminar”.

Neste sentido, manifestou a Concelleira que “todos e todas imos ter que usar moito a imaxinación xa que a Xunta e o Goberno do Estado nos deixou sen ningún tipo de competencias en materia de igualdade polo que para levar a cabo estas actividades teremos que “camuflalas” dentro doutras áreas como cultura ou deporte”.

20 de febreiro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.