O Foro de Directores de Hotel defende o proxecto gastronómico de Hostelería Compostela para a nave 5 do Mercado de Abastos
Os membros do Foro de Directores de Hotel de Santiago e Comarca queren facer público o seu apoio unánime ao proxecto gastronómico de Hostelería Compostela para a nave 5 do Mercado de Abastos de Santiago, “pola súa importancia para a desetacionalización turística do destino grazas á promoción gastronómica de Santiago e Comarca e de Galicia no seu conxunto, cun proxecto gastronómico, culinario e cultural pioneiro, ambicioso e perfectamente viable”, aseguran.
Os directores dos principais hoteis de Santiago fan un chamamento aos responsables municipais para “repensar unha decisión baseada en prexuízos e que podería ter nefastas consecuencias para o sector e para Santiago e Comarca ao perder unha oportunidade histórica de converternos nun referente gastronómico. Xa que mentres a proposta do Concello só beneficia a oito hostaleiros que poden abrir alí os seus locais, o noso proxecto xera valor engadido para Santiago e a súa área de influencia, dinamiza a economía da comarca e beneficia a máis de 1.500 empresas do sector turístico, ao comercio, a Santiago e a Galicia no seu conxunto, pola extraordinaria proxección exterior da cultura gastronómica vencellado ao produto de tempada”.
Os directores dos principais hoteis chaman esixen do Concello unha análise do proxecto coa obxectividade e o rigor que o mesmo require e queren transmitirlle a súa frustración polo fondo e polas formas, dado que había un compromiso electoral do goberno local con este proxecto. “Todos os esforzos que estamos a facer para a dinamización do destino en tempada baixa, usando o tren como medio de transporte, pasan pola promoción da gastronomía e por converternos nun centro culinario de referencia a nivel nacional e internacional, coa celebración de eventos todo o ano cos diferentes produtos de tempada cuxo epicentro debera ser este centro gastronómico, culinario e cultural”, aseguran. Arredor deste proxecto, segundo os directores, “debe xirar toda a promoción gastronómica de Santiago e Comarca e mesmo de Galicia, con eventos cada 15 ou 20 días promocionando os produtos de tempada e podendo paquetizar, promocionar e comercializar escapadas gastronómicas a Compostela e Comarca cunha programación estable ao longo de todo o ano.
Segundo os membros do FDHSC trátase dun “proxecto integral e pioneiro de dinamización e desenvolvemento dos sectores comercial e turístico, un proxecto que mesmo forma parte do programa electoral co que o PP accedeu ao goberno da cidade, que está recollido no seu apartado adicado a turismo, unha proposta perfectamente viable e que agora se desbota, sen argumentos de peso, logo de rachar unilateralmente un compromiso firme co sector empresarial, que fixo unha inversión de tempo e recursos no desenvolvemento do proxecto despois de ter renunciado á promoción gastronómica por parte da empresa municipal Turismo de Santiago, fronte a un proxecto que só busca beneficiar de oito hostaleiros”, aseguran os directores.











